O sindicato UGT-Lemos ven de reclamar á Xunta de Galicia a posta en marcha do Plan de Emprego “aínda que sexa cuns tres anos de retraso”. O secretario xeral da agrupación sindical no sur de Lugo, Mario Docasar, lembrou que “dende UGT vimos reclamando un Plan de Emprego para Lugo, e en especial para a zona Sur”.
CUESTIONAN A EFICACIA DA REFORMA LABORAL POLOS DATOS DO EMPREGO EN ABRIL
Neste sentido, Docasar insiste en que “non se entende para que serviu a reforma laboral imposta polo Partido Popular, xa que en abril se fixeron en Lugo máis de 4.018 contratos, e só un 12% foron indefinidos”. Asimesmo, o secretario xeral de UGT-Lemos amosou a “preocupación” da formación sindical ante os datos de emprego xuvenil; “entre os menores de 25 anos só se fixeron 68 contratos indefinidos dun total de 772 contratos realizados neste colectivo, o que supón un 8,81%”, explicou. Docasar lembrou asimesmo os datos de emprego masculino na provincia de Lugo no mes de abril, no que se fixeron un total de 2.040 contratos, dos cales un 14,3% foron indefinidos. O secretario xeral de UGT-Lemos alertou ademais sobre os datos de emprego feminino, que na provincia de Lugo rexistraron en abril un total de 1978 contratos, dos cales tan só un 11,6% foron indefinidos.
“MÁIS INDEFENSIÓN” DOS TRABALLADORES COA REFORMA
Docasar declarou que “dende UGT esperamos que a delegada territorial da Xunta en Lugo empece a preocuparse polo emprego estable, xa que as contratacións seguen a ser cada vez máis precarias, por moito que nos disfracen e maquillen os datos de contratación en Lugo”. Docasar suliñou que “só o 12,9% dos contratos rexistrados na provincia en Lugo foron indefinidos, o que supón que a reforma só sirve para axudar a algúns empresarios, para despedir a traballadores con antigüidade e fillos ó cargo, e contratar a xóvenes cunha gran formación e en precario”, datos que, según Docasar, confirman “que os traballadores están cada vez máis indefensos grazas á reforma”.