Abertos novos espazos expositivos no Museo Pazo de Tor de Monforte

O novo proxecto museográfico supón a redefinición dos espazos contiguos ó Pazo e a recuperación e restauración de pezas diversas

O pasado 18 de maio, Día dos Museos, foi a ocasión que os responsables da Rede Museística Provincial de Lugo aproveitaron para dar a coñecer os novos espazos expositivos habilitados no Museo Pazo de Tor de Monforte. O delegado da Área de Cultura e Turismo da Vicepresidencia primeira da Deputación, Mario Outeiro, e a xerente da Rede Museística Provincial, Encarna Lago, percorreron as novas instalacións xunto a un grupo de visitantes e algúns dos participantes no obradoiro de fotografía para persoas cegas que se está a impartir nesa mesma sede cultural. O responsable provincial de Cultura destacou na súa intervención que “sempre é unha gran noticia poder poñer a disposición da cidadanía novos espazos culturais, polo que todos nos debemos congratular”.

Os novos espazos museísticos de Tor ocupan as antigas estancias destinadas ós coches de cabalos, animais de tiro e poleiros. GPDL.

A ANTIGA PALLEIRA ACOLLERÁ A BIBLIOTECA, E AS PEZAS DE GUARNICIONERÍA, FORXA E COCHES DE CABALOS PODERÁN VERSE NAS SÚAS DEPENDENCIAS ORIXINAIS

Os responsables do novo proxecto museístico de Tor explicaron que a remodelación das dependencias contiguas ó pazo remóntanse ó ano 1999. As intervencións sobre as estancias adicadas a albergar os coches de cabalos, animais de tiro e pezas de montar respetaron os paramentos orixinais da construción, do século XVIII, renovaron cubertas e chans e adaptaron os elementos orixinais do edificio para acadar un espazo “moderno e adaptado” ás necesidades museísticas. En canto á distribución dos espazos, as dúas primeiras dependencias do lado esquerdo amosan os elementos vinculados á cabalería, coa colección de guarnicionería e coches de cabalos. A continuación, sitúanse os espazos adicados á forxa e á ambientación do poleiro; para rematar cunha sala reservada á didáctica e outra, a antiga palleira, acolle a biblioteca.

O delegado da Área de Cultura e Turismo da Deputación, Mario Outeiro, e a xerente da Rede Museística Provincial, Encarna Lago, na súa intervención durante a apertura dos novos espazos no Museo de Tor. GPDL.

RESTAURACIÓN DE COCHES DE CABALOS, MAPAS E INSTRUMENTOS MUSICAIS, ENTRE OUTROS

Segundo explicaron os responsables da musealización destes novos espazos, o “esforzo orzamentario” por parte da Vicepresidencia da Deputación no só se destinou ó acondicionamento das estancias, senón tamén á recuperación e restauración de diversas pezas, que non estiveron suxeitas á unha conservación e limpeza adecuadas durante décadas, e amosaban un alto grado de deterioro. Entre as pezas que foron intervidas para a súa recuperación como fondo expositivo atópanse elementos pertencentes ás coleccións de guarnicionería, cadeiras e coches de cabalos, e tamén pezas bibliográficas, como documentos do arquivo, mapas, planos, e incluso instrumentos musicais.

O PAZO DE TOR, LUGAR DE DINAMIZACIÓN E ENCONTRO CULTURAL

O Museo Pazo de Tor está a exercer unha función cultural máis aló do concepto expositivo. A realización de actividades para escolares, ciclos de cine, xornadas divulgativas e obradoiros para colectivos específicos (infancia, persoas con discapacidade, etc) promovidos dende a Rede Museística Provincial tentan de aproveitar as recuperadas instalacións tradicionais para a dinamización e o encontro culturais. Recentemente, tivo lugar a presentación do primeiro número da revista oral “A voz dos lemavos”, iniciativa de carácter anual promovida polo Museo Pazo de Tor dentro da Rede Museística. Baixo a coordinación de Antonio Reigosa, congregou o 26 de maio a diversos creadores e investigadores do sur de Lugo, como o músico Antón Valcarce, o arqueólogo Iván Álvarez, a poeta Olga Novo, e o grupo do obradoiro de teatro do CEIP A Gándara, dirixido pola dramaturga Eva F. Ferreira.

TOR, NA GUÍA DE CASAS SINGULARES

Asimesmo, a posta en valor da riqueza monumental do antigo Pazo de Tor repercute na conservación patrimonial do rural galego, e no seu recoñecemento exterior. O pasado mes de abril, a Fundación de Casas Históricas e Singulares, institución non lucrativa de ámbito estatal, incluíu na súa Guía de Casas Museo ó Pazo de Tor e ó Museo Etnográfico de San Paio de Narla, en Friol, tamén integrado na Rede Museística Provincial de Lugo. Esta guía, editada en español e inglés en formato impreso e dixital, abrangue máis dun cento de casas singulares espalladas por toda a Península Ibérica.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Os Escolapios, gañadores do Premio de Medio Ambiente de Monforte

Seguinte Nova

A Xunta impulsará o Porto Seco de Monforte coa promoción desta plataforma

Últimas noticias sobre CULTURA

PROGRAMA LUGOTERMAL 2024_2025

A Deputación abrirá o prazo de inscrición ás 09:00 horas do luns 02.12.2024 da nova edición do LugoTermal, con máis de 1.700 prazas. 
Ir aInicio

Don't Miss