Dez anos degustando as mellores cereixas en Ribas do Sil

As degustacións terán lugar na Praia Fluvial, gran atractivo turístico do municipio

• A Praia Fluvial de Ribas de Sil estase a consolidar como o centro de referencia na vida social e lúdica do municipio, que os días 9 e 10 de xuño celebrará neste singular entorno natural a X Festa da Cereixa e do Aceite. A primeira década de percorrido desta cita gastronómica amosa a súa consolidación no calendario festivo do sur de Lugo, xa que a afluencia de público segue a ser “moi boa, dadas as datas imprevisibles da maduración da cereixa, que é o xeito de fixar a celebración da festa, e o feito de que por estas datas haxa diversas celebracións noutros concellos”, sinala o concelleiro de Cultura, Roberto Castro, ao amosar a “satisfacción” do equipo municipal polo décimo aniversario desta cita festiva.

A maduración das cereixas marca a data da celebración desta Festa. Arquivo EC.

PRETO DE 2.000 KGS DE CEREIXA, E CASE 250 LITROS DE ACEITE

A degustación dos produtos estrela de Ribas do Sil terá lugar no entorno da Praia Fluvial na mañá do sábado 9 e domingo 10 de xuño, e os actos festivos concentraranse no mesmo escenario a partires do mediodía. O día 9, o grupo de música municipal de Ribas do Sil actuará a partir das sete da tarde. Ás oito disputarase na Área Deportiva da Praia Fluvial o partido de fútbol correspondente ó 4º Trofeo da Cereixa. Pola súa parte, a lectura do pregón terá lugar ás 21 horas, a cargo de José López Orozco, alcalde de Lugo. Ás 21,30 horas, o grupo musical Intuición pechará a primeira xornada festiva en Ribas do Sil. Xa o domingo día 10, a mañá transcurrirá coa degustación de cereixas e produtos típicos da zona, e ás 11 horas haberá xogos infantís na Praia Fluvial. A continuación, ás 12 horas comezará o festival folclórico no que participan o grupo infantil de gaitas da Escola de Música, o grupo de pandereteiras da mesma entidade e o grupo de baile Leña Verde.

A pesca é un dos atractivos de Ribas de Sil que vai gañando adeptos. Arquivo EC.

PROXECCIÓN DA PESCA COMO RECURSO TURÍSTICO “AÍNDA POR EXPLOTAR”

Ás catro da tarde inaugurarase o edificio destinado a Aula de Pesca. Este proxecto, financiado polo GDR Ribeira Sacra e o INLUDES da Deputación de Lugo, supón “unha oportunidade para a realización de actividades a nivel local, e tamén unha proxección da pesca, de tanta tradición na zona, como recurso turístico aínda por explotar”, explica o concelleiro de Cultura, Roberto Castro. Logo da inauguración, terá lugar unha microxornada teórico-prática sobre o “Aproveitamento da pesca como recurso económico”, a cargo de Juan Antonio Lázaro Menéndez, xerente do GDR Bajo Nalón (Asturias), experto en pesca e colaborador en diversas revistas especializadas. Como remate da última xornada festiva, os asistentes poderán seguir o partido da Eurocopa España-Italia ás 18 horas sen marchar do recinto feiral, e xa ás 20 horas a actuación do grupo Los Flavia pechará esta X Festa da Cereixa e do Aceite.

A afluencia de público á Festa da Cereixa e o Aceite de Ribas de Sil consolídase ano tras ano. Arquivo EC.

NA PROCURA DA CATEGORÍA DE FESTA DE INTERESE TURÍSTICO

Dez anos son a antigüidade esixida para que un evento lúdico poida acadar a categoría de Festa de Interese Turístico. En Ribas do Sil van aproveitar este décimo aniversario da Festa da Cereixa e do Aceite para impulsar dende todas as instancias esta cualificación para a cita festiva máis importante do municipio. Este obxectivo resulta “imprescindible” para que a Festa da Cereixa de Ribas do Sil consiga “unha repercursión autonómica” que faría xustiza a unha cita que conta cun público fiel e abundante, e que fai bulir o entorno da Praia Fluvial nos dous días de festa en torno a este exquisito froito.

CEREIXAS RECOLLIDAS O MESMO DÍA DA DEGUSTACIÓN

“Aparte dunha cita lúdica, esta Festa é unha oportunidade para potenciar os produtos locais e, polo tanto, a economía local”, explica Roberto Castro, “así como o enclave turístico e de referencia que, hoxe por hoxe, é a Praia Fluvial, xa que permite multitude de actividades, como a natación, pesca, sendeirismo, autocaravanas, eventos culturais no anfiteatro, e desenvolvemento de actividades lúdicas como esta Festa”. Non hai excusa para achegarse a esta paraxe singular a degustar as cereixas de Ribas do Sil, “que se recollen no mesmo día da festa para seren consumidas en horas, porque a verdade é que pronto se despachan”.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A Xunta impulsará o Porto Seco de Monforte coa promoción desta plataforma

Seguinte Nova

Augasantas congregó a 96 golfistas de toda España en el Open de Golf Ribeira Sacra 2012

Últimas noticias sobre CULTURA

A %d blogueros les gusta esto: