O Día Mundial das Telecomunicacións, 17 de maio, reclama integrar as TIC en toda a sociedade
O pasado 17 de maio celebrouse o Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, co gallo de reflexionar sobre as oportunidades de desenvolvemento que supón o acceso ás novas tecnoloxías para todos os sectores da sociedade. Na liña de ofrecer unha oportunidade de acceso ó mundo das TIC a toda a cidadanía, a Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia ven de poñer en marcha as Aulas CeMIT (que integra 98 Centros para a Modernización e Incluisión Tecnolóxica), espallados polas catro provincias galegas, e co obxectivo de focalizar nas cabeceiras de comarca ou en vilas de fácil acceso un espazo formativo gratuito vinculado ás novas tecnoloxías, tanto polo seu equipamento (ordenadores, pantallas de proxección, acceso a internet, equipos de videoconferencia…) como pola súa programación.
3.000 CURSOS GRATUITOS ADAPTADOS ÁS NECESIDADES DOS USUARIOS SEGÚN A SÚA FAMILIARIDADE CO MUNDO DIXITAL
Neste sentido, as Aulas CeMIT ofrecen ó longo do ano diversos programas formativos vinculados ó mundo das TIC, e que achegan á cidadanía ó universo dixital, sexa cal sexa o seu nivel de coñecemento ou familiaridade con este entorno. O novo plan da Red CeMIT para este ano inclúe 3.000 cursos gratuitos, estructurados en tres ámbitos: alfabetización dixital, multimedia e audiovisual, a través de 13 itinerarios formativos, organizados en función dos tres eixos, nos que se encadran máis de 60 cursos de diferente nivel e temática. A oferta formativa contempla múltiples necesidades. O nivel máis básico está destinado á iniciación á linguaxe e as ferramentas dixitais para colectivos en risco de exclusión digital, como a terceira idade ou persoas con escasa formación. As oportunidades de mellora profesional a través das TIC tamén se contemplan na programación dos telecentros. Así, impleméntanse cursos destinados a empresarios e emprendedores, para fomentar a integración das novas tecnoloxías nos procesos de negocio e xestión empresarial. Pola súa parte, os desempregados poden atopar nas opcións formativas das Aulas CeMIT non só unha ferramenta para a búsqueda de emprego a través de internet e das redes sociais, senón para facilitar a súa integración no mercado laboral pola mellora da súa capacitación profesional.
CONTIDOS ESPECÍFICOS E AVANZADOS
Usos máis específicos das TIC son tamén contemplados no espazo formativo dos CeMIT. Ocio en internet, familiarización co uso e as posibilidades das redes sociais, aprendizaxe das ferramentas de pago on line, administración electrónica, software libre e equipamentos electrónicos compatibles co ordenador e internet son algúns dos temas que se tratan nos cursos impartidos nas Aulas CeMIT. Para os que buscan unha formación máis avanzada vinculada ós diversos aspectos do mundo dixital, a programación dos telecentros inclúe cursos de gran demanda sobre deseño gráfico e tratamento dixital de audio e vídeo, tv por internet, e incluso capacitación especializada fóra dos itinerarios xerais sobre distintas aplicacións e cursos de carácter transversal. O desenvolvemento dos cursos das Aulas CeMIT é maioritariamente presencial, a través de videoconferencia ou cun tutor que asiste ós participantes no correspondente telecentro, aínda que se están a impartir diversos cursos en línea, para facilitar o seu seguemento dende calquera punto de acceso a Internet. As solicitudes para reservar praza nos diferentes cursos formalízase de xeito telemático, que agora se simplifica grazas á mellora da propia web da rede: http://cemit.xunta.es. Asimesmo, o participante poderá acceder ó seu historial académico e cumprimentar as enquisas de satisfacción asociadas ás actividades nas que participaron a través da web.
SARRIA, ESPAZO ACTIVO CON PROGRAMACIÓN ATA FIN DE ANO
A Aula CeMIT de Sarria, situada nas dependencias da Casa da Cultura, retomou a súa actividade formativa neste mes de maio, cun curso sobre TV en internet. Durante o mes de xuño desenvolveranse dúas actividades: un curso sobre Deseño gráfico, que comezará o 11 de xuño, e outro sobre Retoque fotográfico, que xa esgotou as prazas. Xa en setembro, o día 10 comezará un curso sobre Streaming de audio e video, e o día 24 iniciarase o correspondente a Communitiy Manager. O 1 de outubro dará comezo o curso sobre Produción audiovisual, e xa en novembro terá lugar o curso de Creación de contidos multimedia e Web 2.0, a partir do día 19.
CURSOS EN MONFORTE E QUIROGA
Os telecentros das cabeceiras de comarca de Monforte e Quiroga ofrecerán espazos formativos a partir do mes de xuño. En Quiroga haberá un curso de Retoque fotográfico a partir do día 25, e en Monforte o espazo Microactividades no sector audiovisual comezará o día 11. En setembro, o curso sobre Microactividaes multimedia e ferramentas TIC impartirase en Monforte a partir do día 24, e xa en novembro o telecentro de Quiroga acollerá o curso sobre Creación de contidos multimedia e web 2.0, dende o día 19.
ESPAZO “AULA ABERTA”: INTERNET GRATUITA ABERTA E ASISTIDA PARA TODOS
Ademais do Plan de Formación, a Rede CeMIT desenvolve campañas de sensibilización e divulgación da importancia e beneficios das TIC entre a cidadanía, empresas e outros colectivos coa organización de charlas e conferencias. Paralelamente, a maioría dos centros da Rede contan co servizo de “aula aberta”, que posibilita o acceso libre e de balde dos usuarios á utilización do equipamento co apoio e asesoramento dun axente especializado.