O goberno provincial alerta das consecuencias da modificación da Lei de Demarcación e Plan Xudicial do Goberno do PP

Na provincia de Lugo, a modificación da lei reduciría os 9 partidos xudiciais a 2

José Ramón Gómez Besteiro, presidente da Deputación de Lugo; Antonio Veiga, vicepresidente primeiro do organismo provincial; e Lara Méndez, vicepresidenta segunda, durante a última xunta de goberno. GPDL.

• As medidas de axuste que está a emprender o Executivo central nas diversas áreas están a recibir constantes críticas por parte das administracións locais e provinciais, que alertan das graves consecuencias que estes recortes xerarán nos servizos á cidadanía. A actualidade desta controversia está protagonizada nestes días pola remodelación do mapa xudicial que está a levar a cabo o Goberno de Mariano Rajoy e o Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) a través do proxecto de modificación da Lei de Demarcación e Plan Xudicial. Neste sentido, o goberno provincial aprobou na xunta de goberno do pasado 18 de maio unha declaración institucional proposta polo Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, para instar á Xunta de Galicia a intervir no proceso de modificación de dita Lei. A declaración demanda ó presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, para que defenda os criterios de distribución poboacional e de necesidade de proximidade, así como a anulación do incremento das taxas, “ante as consecuencias irreversibles” que supón este proxecto.

MENOS XULGADOS, MÁIS DESPRAZAMENTOS

O informe aprobado polo Consello Xeral do Poder Xudicial supón a redución á metade dos 431 servizos xudiciais de España, que en Galicia baixarían ata un 71%, o recorte máis forte de todas as comunidades autonomas, xa que pasaría dos 45 xulgados actuais a tan só 13. A provincia de Lugo quedaría con só 2 partidos xudiciais, fronte ós 9 cos que contou ata agora; unha das demarcacións xudiciais incluiría Mondoñedo, Vilalba e Viveiro, e na outra integraríanse Lugo, A Fonsagrada, Becerreá, Sarria, Chantada e Monforte.

“RECURTES QUE REPERCUTEN OS GASTOS Ó CIDADÁN”

Trala xunta de goberno, os responsables provinciais explicaron o porqué da declaración institucional á Xunta de Galicia para intervir no proceso de modificación do mapa xudicial, xa que esta redefinición dos partidos xudiciais supón “unha clara agresión ós dereitos e servizos públicos dos cidadáns”, según explicou o voceiro socialista no goberno provincial, Manuel Martínez. O informe do CXPX propón eliminar cabeceiras xudiciais e aglutinalas con outras ata sumar un mínimo de 100.000 habitantes, co fin de que os desprazamentos dende o núcleo poboacional ata a nova cabeceira xudicial non excedan dunha hora. Neste sentido, o goberno provincial denuncia o gasto que suporá á cidadanía asumir un gasto que antes non existía, “e que para aforrar, o gasto trasládase ó cidadán”.

AXUSTES CONTRADICTORIOS

Ademais, os responsables do Goberno provincial afondan na “contradición” do informe que manexa o Goberno central sobre o número mínimo de 100.000 habitantes que debe ter un partido xudicial e que xustificaría a eliminación dos existentes, “xa que se sumamos os partidos xudiciais de Chantada, Monforte e Sarria xa sobrepasaríamos dita cifra”, explica Manuel Martínez. Por outra banda, o alonxamento xeográfico das sedes dos partidos xudiciais que implicaría a modificación da Lei é interpretada polo Goberno provincial como un “alonxamento da xustiza” respecto dos cidadáns. “Con esta postura do Partido Popular e do CXPX pérdese o sentido da xustiza como un dereito e como un servizo público”, xa que “achegar á Xustiza ós cidadáns é un deber”. En canto ó número de xuíces adscritos a cada demarcación xudicial, o voceiro socialista na Deputación criticou que tampouco se vaia cumprir o mínimo de oito xuíces por cada xulgado, “xa que no caso de Lugo non se acadaría esta cifra nin sequera sumando os de Vilalba, Mondoñedo e Viveiro, que en total son 6”.

INCREMENTO DAS TAXAS NUNHA “XUSTIZA PARA RICOS”

Asimesmo, o equipo de goberno que preside Gómez Besteiro alerta de que o novo reparto de xulgados inclúe ademais un incremento nas taxas polo servizo prestado “cun claro fin recadatorio”. As previsións nese sentido suporían, por exemplo, o pago de 350 euros por reclamar unha neglixencia médica, preto de 500 euros para recurrir unha sentenza por despido, 200 euros por recurrir unha multa de tráfico, ou 300 euros por reclamar por procedemento civil ordinario unha débeda superior a 6.000 euros. O goberno provincial denuncia esta “xustiza para ricos”, xa que “non só será máis lenta, senón tamén máis cara”.

PERDA DE EMPREGOS VINCULADOS Á XUSTIZA

Como consecuencia desta redistribución dos partidos xudiciais, espérase o peche de despachos de avogados e de servizos xurídicos, así como de asesorías, que “quedarían reducidos ás localidades onde se emplacen os xulgados”. Esta supresión de servizos públicos e, como consecuencia, de empregos vinculados ó eido da xustiza terá repercusións negativas sobre o despoboamento poboacional, a gran teima do desenvolvemento da provincia de Lugo. Neste sentido, o voceiro socialista no goberno provincial, Manuel Martínez, denunciou que “unha cousa é a política de papel da Xunta e outra a realidade, xa que o Goberno galego fala de levar os servizos as cabeceiras de comarca e na práctica fai todo o contrario”. Nesta liña, o voceiro do BNG, Mario Outeiro, criticou a “imposición” dos recortes polo goberno do Partido Popular, e lembrou que hai un tempo “o PP falaba da necesidad dun novo xulgado de Sarria, e agora recorta tendo en conta só criterios numéricos sen futuro”.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O parque temático do Museo do Ferrocarril de Galicia dinamizará o verán de Monforte en festivos e fins de semana

Seguinte Nova

1.400 lucenses de máis de 50 anos disfrutarán dos KM0 Balnearios no Camiño

Últimas noticias sobre INICIATIVAS

A %d blogueros les gusta esto: