O Consorcio de Bombeiros prevé que o parque de Monforte abra o 1 de outubro
Este acordo, que supón un investimento de 90.000 euros, integra definitivamente ó parque de Monforte no Consorcio
O consenso político acadou recentemente unha proba da súa funcionalidade de cara ó servizo á cidadanía no undécimo Pleno do Consorcio Provincial de Bombeiros. Este organismo, xestionado a partes iguais pola Deputación de Lugo e pola Xunta de Galicia, acordou en sesión plenaria asumir a totalidade dos custes das obras de mellora do parque de bombeiros de Monforte por valor de 90.000 euros, así como a contratación dun camión BUL para este complexo por importe de 275.500 euros.
SEVERINO RODRÍGUEZ: “A COLABORACIÓN ENTRE ADMINISTRACIÓNS É O CAMIÑO ACERTADO”
De xeito inusual, os responsables das dúas institucións de goberno amosaron estar de acordo no avance que esta decisión do Pleno do Consorcio de Bombeiros ten para a comarca de Lemos, que acada así un tratamento de igualdade con respecto ós restantes parques de bombeiros da provincia. Así o declarou o alcalde de Monforte de Lemos, Severino Rodríguez, que foi convocado ó Pazo de San Marcos, sede do Consorcio de Bombeiros, para serlle comunicada a decisión, que cualificou de “acertada”, e “coa que se dá o mesmo trato a Monforte ca outros municipios”. Severino Rodríguez amosou a súa confianza en que “o 1 de outubro se abrirá o complexo para o que conta coa total colaboración do Concello”. O rexedor monfortino gabou a “colaboración e cooperación entre administracións e institucións”, xa que, según Severino Rodríguez, “é o camiño acertado”.
RAQUEL ARIAS: “HAI QUE FELICITARSE POLA COLABORACIÓN ENTRE XUNTA E DEPUTACIÓN, E SERVIR DE BASE EN TODOS OS ASPECTOS”
Neste sentido, a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, destacou que o acordo do Pleno do Consorcio “é unha boa noticia para a comarca e o sur lucense”. Arias manifestou que “non queriamos dilatar máis esta incorporación, e por iso decidimos que o Consorcio asumise estes labores”. Raquel Arias suliñou que, con esta medida, queda cuberta o 90% da poboación da provincia, “polo que hai que felicitarse pola colaboración entre Xunta e Deputación, que ten que servir de base en todos os aspectos”.
GÓMEZ BESTEIRO: “CUMPRIMOS O OBXECTIVO DE DOTAR Á PROVINCIA DUN NOVO PARQUE EN 2012”
Asimesmo, o presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, avanzou que con estas actuacións “a previsión de apertura do parque monfortino xa incorporado ó Consorcio é do 1 de outubro”. Besteiro lembrou que, con esta decisión do Consorcio “cumprimos cun dos obxectivos que nos marcabamos dende este organismo para este ano, que é dotar á provincia dun novo parque de bombeiros en 2012”. Ademais, Besteiro aclarou que esta medida “disipa calquera discusión sobre os arranxos nas instalacións de Monforte, que vai a ser un parque punteiro como os outros cinco xa existentes”, en referencia ós parques de bombeiros de Barreiros, Viveiro, Vilalba, Sarria e Chantada. O presidente provincial lembrou que, deste xeito, “novos concellos do sur incrementan a prestación contraincendios nesta zona da provincia”.