Auga potable a través de servizos enerxéticamente sostibles

O abastecemento de auga podería ser autosuficiente, enerxéticamente falando, se se consigue aproveitar a forza do salto xerado co bombeo. Arquivo EC.

Un proxecto trata de explotar a enerxía xerada no bombeo da traída de auga

A preocupación pola eficiencia enerxética e por optimizar o custe dos servizos públicos debe estar vinculada ó sostemento do medio ambiente. Longo é o camiño emprendido por enxeñeiros, xestores e prestadores de servizos na procura dun sistema que reúna estas tres características. Un paso máis sería conseguir xerar un beneficio que compense o invertido no sistema. Con este obxectivo está a desenvolverse un proxecto na Axencia Provincial da Enerxía, dependente da Deputación de Lugo, ao que se veñen de adherir 24 concellos, atentos a novas fórmulas de xestión do gasto enerxético coas que poder optimizar ata o último euro nos servizos á cidadanía.

UN PEQUENO “SALTO” QUE RECUPERA A ENERXÍA EMPREGADA NO BOMBEO

O abastecemento de auga potable require investimentos importantes e actuacións nas que os Concellos poden verse superados nas súas posibilidades económicas. Unha vez rematada a infraestrutura necesaria, o propio funcionamento do sistema de bombeo que fai posible levar a auga dende o leito orixinal ata as billas dos fogares require un custe enerxético que varía tendo en conta a potencia das turbinas. O bombeo en sí produce unha elevación da cota de auga e xera un “salto”, similar (a escala) ó buscado nos grandes embalses hidroeléctricos. A recuperación da forza eléctrica xerada neste bombeo pode revertir en enerxía recuperada, e incluso traducible a un canon económico co que os Concellos, xestores do sistema de abastecemento, poderían compensar ou incluso recuperar o gastado na factura eléctrica polo funcionamento do sistema de abastecemento. Isto é o que se deu en chamar “aproveitamento da enerxía renovable residual”: unha solución limpa, que recupera a enerxía liberada no proceso e que doutro xeito se perdería. Por outra parte, unha das vantaxes deste proxecto de aproveitamento enerxético é o nulo impacto sobre o medio ambiente. As tan discutidas centrais hidroeléctricas supuxeron un cambio radical na paisaxe, na flora e na fauna do entorno no que se emprazaron e incluso, en moitos casos, provocaron un desprazamento de núcleos poboacionais e dos recursos económicos dos seus habitantes.

SEN INVESTIMENTOS NEN OBRAS

Cando se explicou o proxecto ós Concellos interesados, un dos datos máis a ter en conta foi o custe cero que para as arcas municipais suporía levar adiante este proxecto. Non hai obras que emprender; tan só analizar as particularidades técnicas de cada salto (cota que alcanza o bombeo, máximo caudal e horas de funcionamento anual, diámetro e lonxitude da conducción ó primeiro depósito regulador, e cota á que se sitúa o primeiro depósito).

BENEFICIO PARA AS ARCAS MUNICIPAIS

Aínda que se está a elaborar o prego de contratacións das actuacións para analizar as posibilidades de cada un dos saltos, os Concellos amósanse favorables a levar adiante este tipo de proxectos. No sur de Lugo, van desenvolver esta iniciativa Quiroga, Ribas do Sil, Monforte de Lemos, Láncara, Portomarín, O Incio e Sober. Neste último municipio teñen xa experiencia en participar en proxectos vinculados ó aforro enerxético. Luis Fernández Guitián, o alcalde de Sober, estima que “calquer iniciativa supramunicipal que sirva para aforrar e non supoña un custe para o Concello, é algo moi positivo”. O rexedor soberino considera que este “proxecto novidoso” debe ser tido en conta, xa que “por pouco que sexa o beneficio económico para o Concello xerado desta maneira, ou tan sequera polo que se deixa de gastar en canto a aproveitar esa enerxía agora perdida, sempre é bo”. Nos mananciais de Bolmente, os máis antigos que abasteceron a municipalidade, non teñen bombeo, xa que a auga avanza polo seu peso. En Vilaastrille o salto aínda sería pequeno, pero podería resultar “interesante” para este aproveitamento o bombeo que dende o río Cabe se fai en Canabal, cun salto significativo que podería compensar o custe da maquinaria precisa para o abastecemento. A posibilidade de que os Concellos obtivesen un canon pola enerxía producida deste xeito abriría unha expectativa para facer máis sostibles os servizos municipais, e máis racionais os usos dos recursos da natureza.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Chantada, capital do xadrez

Seguinte Nova

Boa canteira de escritores na comarca sarriana

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: