A formación a distancia, unha opción para mellorar as expectativas laborais
Unha variada oferta integrada por 129 cursos de 2 meses de duración en modalidade on line, sen necesidade de acudir ó centro e por tan só 48 euros
“Aprendizaxe ó longo da vida” é o lema do proxecto educativo Aula Mentor, unha iniciativa promovida dende hai vinte anos polo Ministerio de Educación, e que trata de poñer as novas tecnoloxías ó servicio da formación continua para adultos que desexen mellorar a súa formación ou prepararse para desenvolverse en novos campos profesionais. Informática, ofimática e infografía; sector sociosanitario e atención á primeira infancia; servizos turísticos e xestión empresarial para emprendedores son os campos profesionais que contan con maior número de cursos en Aula Mentor, aínda que tamén se imparte formación en idiomas, técnicas de estudio, xardinería ou historia da Arte. Unha proposta interesante para ter en conta en calquer momento da vida, cando cómpre buscar un novo camiño laboral ou se tentamos aproveitar o tempo libre para adquirir novas capacitacións profesionais.
UN CENTRO PARA FORMALIZAR A MATRÍCULA, EXAMINARSE E RESOLVER DÚBIDAS
Posto que os cursos se realizan on line, non é preciso acudir ó centro; tan só dispoñer dun equipo informático básico con conexión a internet. Asequibles en canto a infraestrutura, tamén a matrícula resulta atractiva: 48 euros que dan dereito a dous meses para completar os exercicios de cada curso, e poder así presentarse ós exames que se celebran cada dous meses nas sedes integradas en Aula Mentor. Na provincia de Lugo, hai dous os centros situados na capital provincial, a zona norte está cuberta pola aula de Burela, e o resto ten como aula de referencia o IES Daviña Rey de Monforte, centro pioneiro que hai tres anos impulsou esta iniciativa en Galicia (agora hai xa 15 centros adheridos na nosa Comunidade) tras coñecer as posibilidades que ofrecía noutros puntos de España. O resultado é moi positivo: o Daviña Rey recibe alumnos de lugares tan dispersos como Carballedo ou Valdeorras e A Rúa, e cada ano crece a matrícula, como demostran os máis de 100 alumnos rexistrados no centro monfortino dende setembro.
APOIO DO TUTOR ON LINE, E DOS ADMINISTRADORES DE AULA NO CENTRO
O único requisito para levar a cabo calquera dos 129 cursos que integran a oferta formativa de Aula Mentor é ter cursados os estudos obrigatorios. Aínda que están deseñados para realizarse on line, non é preciso dispoñer de internet na casa, xa que o IES Daviña Rey, como o resto dos centros incorporados a Aula Mentor, pon a disposición dos alumnos os recursos informáticos que se precisan. O feito de que a formación sexa telemática favorece un seguemento dos cursos acorde co ritmo de vida (familiar ou laboral) dos alumnos, sen horarios que cumplir e cun tutor en permanente contacto, que atende as dúbidas e corrixe os exercicios nun máximo de 48 horas. Para acceder ós cursos, tan só hai que introducir na páxina web de Aula Mentor a clave que recibe o alumno cando formaliza a matrícula no centro. Unha vez obtido este código, xa pode realizar os exercicios correspondentes e interactuar co tutor para resolver todas as cuestións que se presenten. O sistema telemático limita o trato presencial á tramitación da matrícula, alta para exames, realización das evaluacións finais ou recepción do diploma. Aínda así, o factor humano non está desaparecido: un equipo de docentes do IES Daviña Rey, integrado pola profesora Mª Jesús Casado Barrio, o vicedirector Isaac González González, e o director Vicente Docasar Docasar exercen de “administradores de Aula Mentor”, cuxa función consisten en dar a coñecer a Aula, informar ós interesados, difundir o proxecto, e actuar como intermediarios entre Aula Mentor e os alumnos, para os que están dispoñibles oito horas á semana.
OPORTUNIDADE PARA DIVERSIFICAR O CURRICULO CON POUCO CUSTE
Os 129 cursos que ofrece Aula Mentor están deseñados atendendo ás tendencias máis punteiras no mundo laboral, posto que a súa finalidade é aportar novas vías de formación de cara á búsqueda de emprego ou ó reforzamento do currículo profesional. Os diplomas de todos os cursos son expedidos polo Ministerio de Educación e pola Xunta de Galicia, con validez oficial a todos os efectos (horas lectivas que contan para oposicións, concursos e promoción laboral), dentro da categoría oficial de ensino non reglado. Aula Mentor incorpora cada ano novos cursos, para facer máis atractiva a oferta formativa, e actualizala ós tempos que corren. É por iso que boa parte dos cursos, que son tamén os máis demandados, estén vinculados á informática (iniciación, redes e equipos, instalacións, internet, ofimática e programación), ou ó mundo do deseño gráfico (autoedición, deseño web e medios audiovisuais). Incluso ofrece a posibilidade de obter a Certificación Académica Cisco, un título de carácter profesional e altamente especializado, con materiais didácticos de gran calidade e cun calendario de realización tres veces máis amplo que o resto dos cursos. Esta iniciativa, froito dun convenio entre Cisco Systems e o Ministerio de Educación a través de Aula Mentor, está orientado a enxeñeiros e profesionais específicos, ós que lles permite acceder por un custe moi asequible a unha formación especializada e de nivel. A oferta de Aula Mentor tamén inclúe un bo abano de cursos orientados ó emprendemento, dende a creación e administración dunha PYME ata a súa xestión comercial e financieira, así como xestión laboral e de tributos. Adica ademáis atención especial a campos profesionais como os servizos socioculturais e á comunidade, hostelería e turismo, saúde xeriátrica e na infancia, educación e enerxías renovables.
CURSOS PARA O MUNDO ACTUAL, E PARA O TEMPO DE DESEMPREGO
Os cursos de Aula Mentor están deseñados para que o alumnado atope a opción formativa máis acorde coas súas necesidades. Todo un mundo de posibilidades de aprendizaxe e habilitación profesional abertos tanto a titulados superiores como a pensionistas, desempregados ou xente de empresa, asalariados ou autónomos. Dado que o mundo avanza deprisa e só se detén cando non hai emprego, unha opción formativa de calidade, barata e flexible ben pode ocupar estes tempos mortos e relanzar un futuro máis activo e esperanzador.