Chantada, capital do xadrez

Unha imaxe da concentración dos xadrecistas durante as partidas en Chantada. CICHAXA

O empeño, traballo e talento do xadrez chantadino está a cristalizar no primeiro gran evento desta especialidade que acolle a vila do Asma. Na fin de semana do 16 e 17 de xuño tivo lugar o I Festival Internacional de Xadrez Cidade de Chantada “Augavella e Via Romana”, no que tomaron parte preto de 70 participantes. O coordinador xeral, o Gran Maestro Alejandro Hoffman, explica que esta cita deportiva non só trata de ofrecer xadrez de primeiro nivel, senón tamén unha oportunidade lúdica para pasar unha boa fin de semana nas terras do Asma.

UNHA VILA PEQUENA, DOUS GRANDES EQUIPOS DE XADREZ

O xadrez parece ser un bo dinamizador da vida sociocultural de Chantada. A pesares de ser unha vila pequena, conta con dous clubes de xadrez (o CICHAXA e o Clube Xadrez Chantada) que aínda por riba non toman o taboleiro como un campo de batalla senón que traballan arreo para levantar ben alto o estandarte do xadrez chantadino en todas as competicións. O espíritu de loita e de traballo de Anxo Boán, fundador do Círculo Chantadino e actual presidente do clube foi “o precursor máximo deste xogo na cidade”, según refire Hoffman, e o deporte segue a ter reforzo na figura de Enrique Rojo, fundador e presidente do Club Xadrez Chantada, “o que máis enerxía pon para que todos os proxectos se materialicen, e é o máximo captador de alumnos que un poida imaxinar”.

CHANTADA, CANTEIRA DE XADRECISTAS

Todo este empeño saca á luz o “enorme potencial de Chantada no xadrez”, explica Hoffman. “A pesares de ser unha vila pequena, temos dous equipos xogando en Terceira División, dous en Segunda e un recentemente ascendido a División de Honor (o CICHAXA)”, que o Gran Maestro describre como “o noso gran orgullo, xa que nos pon á altura dos mellores clubes de Galicia”. Os éxitos encherían unha longa lista: Campeóns provinciais por equipos de menores de 12 anos, campeóns tamén no circuito de Galicia Central…, e contan entre os seus xadrecistas a Daría Pérez, actual Campeona galega na categoría de menores de 12 anos. Unha canteira interesante coa que se traballa dende os clubes, as Escolas Deportivas municipais e colexios, e que agora se pretende potenciar, sen límite de idade, a través da organización de eventos como este I Festival Internacional Cidade de Chantada, ademais da axenda interna que xa se está a perfilar.

UN EVENTO SEN PRECEDENTES NO XADREZ: VIÑO E TURISMO PARA COMPLEMENTAR O FESTIVAL

As partidas do sábado xogáronse na adega Auga Vella, e as do domingo en Via Romana, patrocinadores que “lle dan un marco único e diferente a este torneo de xadrez”, indica Hoffman. Ó non haber competición o domingo pola mañá, realizouse coa colaboración do Concello unha visita guiada polo entorno da Ribeira Sacra, e unha visita enoturística ás adegas patrocinadoras. A colaboración do Pub A Carambola fixo posible disfrutar dunha divertida noite de sábado. Con todo isto, e tendo en conta que o Festival repartiu máis de 2.000 euros en premios, así como obsequios para os participantes, a estrea de Chantada como sede do xadrez de primeiro nivel foi sen dúbida todo un éxito.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Remanentes do ano pasado financiarán gastos sociais na provincia

Seguinte Nova

Auga potable a través de servizos enerxéticamente sostibles

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: