Restaurados 40 anos despois, desfilarán cunha charanga na tarde do último día
Todo está listo en Sarria para arrincar o San Xoán 2012. Como previa, unha boa tanda de deportes na fin de semana do 15 ó 17, para ir facendo boca e poder chegar ós días grandes en boa forma. Así, o venres 15 e durante 3 días disputarase o IV Torneo de Billar Pool na Unión, o sábado 16 xogarase o Torneo de Béisbol ás 10 h. no campo de rugby, e o domingo 17 terá lugar o Descenso urbano Mountain Bike. Máis aló do deportivo, a Panadería Museo Pallarés inicia a ronda de eventos expositivos cunha mostra sobre “Pans de Galicia”; un xeito orixinal de achegarse a esta riqueza gastronómica tan sinxela e, ó tempo, tan significativa da nosa cultura. O venres 22 terá lugar a lectura do pregón no Concello a cargo do debuxante Siro López. Ás 22 h no pavillón José Mario comeza o Maratón de Fútbol Sala, e ás 22,30 h a Aula de Teatro de Sarria leva á Praza da Vila unha representación inspirada na comedia romana. A xornada rematará cunha Gala Concerto no Recinto Feiral a partir das 23,30 h, coas actuacións de Karina, Astarot, A Roda e Gisela acompañada de bailaríns.
O día 23 estará protagonizado polo deporte, xa que a partir das 11 h e ó longo de todo o día disputarase o Campionato de Fútbol de Veteranos (no campo da Ribela) e o Campionato de Baloncesto 3×3, con paella para todos os participantes á hora do xantar. Dende as 11 h a Asociación Crearte realizará unha actividade na rúa, “Na busca do tesouro da moura”, para todos os públicos. Ás 12 h, a Praza de Touros acollerá unha interesante exposición canina. Xa pola tarde, inaugurarase a Feira Medieval e a Mostra de Artistas e Artesáns da comarca de Sarria, proxecto este que trata de ir facendo un oco ós peregrinos dentro do programa de festas do San Xoán, segundo a suxerencia aportada polo pregoeiro do pasado ano, Manuel Rodríguez. Voltando ó deporte, ás 18,30 h na Ribela disputarase o Trofeo de Fútbol San Xoán, coa presenza da Banda Municipal de Sarria. Xa pola noite, haberá unha pancetada e chourizada no Campo da Feira a partir das 22h, para continuar coa actuación dos grupos Alann Bique e Saltanocribo. Quince minutos antes da medianoite comezará o reparto da Queimada de San Xoán, e ás doce en punto prenderase a fogata da noite máxica, que dará paso á actuación da orquestra Acordes no Recinto Feiral. Unha alternativa ofrécea a partir das 23 h a Sala Buddha, coa celebración do Esconxuro, un festival de música avanzada que reúne grupos do sur de Lugo e artistas nacionais co obxectivo de crear un novo reclamo cultural nas festas patronais de Sarria.
A mañá do domingo 24 transcurrirá cos tradicionais pasarrúas, a Misa solemne e procesión, e a actuación da Banda Municipal de Sarria. A tarde será taurina, xa que a partir das 18 h José Miguel Callejón, Víctor Janeiro e Marc Serrano protagonizarán unha Gran Corrida Mixta na Praza de Touros instalada na rúa Castelao. O fútbol voltará ás 20 h, coa final da Maratón Fútbol Sala, no pavillón José Mario. O ilusionismo encherá o Malecón dende as 20 h cun espectáculo de malabares e maxia, e as orquestras Panorama e Cinema pecharán a xornada. A mañá do luns 24 estará adicada ós xogos infantís na Ciguñeira, e a tarde haberá un espectáculo ecuestre e outro de baile español na Praza de Touros a partir das 18 h. Tras o espectáculo de maxia no Malecón, os “cabezudos” sairán coa charanga Madia Leva, recuperando así unha gran tradición. As festas pecharán cun broche de ouro: o concerto de Melendi ás 22 h no campo de fútbol, con entrada gratis. Unha cita irresistible.