•Constituída a Mesa Local de Comercio en Monforte para dinamizar e modernizar o sector a través dun foro de debate plural •Raquel Arias garantiu ó CCU de Monforte o apoio da Xunta “ó comercio polo miúdo como motor de progreso”
En cumprimento da nova Lei de Comercio, o pasado 8 de xuño foi constituída a Mesa de Comercio Local de Monforte, un órgano plural e representativo de ámbito municipal que ten como obxectivos incrementar o dinamismo e a modernización do comercio local, funcionar como foro de debate entre comerciantes, consumidores, administración local e autonómica, así como constituirse en órgano consultivo das políticas municipais referidas á actividade comercial. A Mesa Local de Comercio de Monforte está integrada polo alcalde da cidade, Severino Rodríguez, a concelleira de Promoción Económica, Mª Xosé Vega, a presidenta da Asociación de Consumidores e Usuarios “En Marcha”, Pilar Iglesias, a presidenta do CCU de Monforte, Mª José Senra, e o xefe territorial da Consellería de Economía e Industria, José Manuel Vázquez Leirado (por delegación de Raquel Arias).
MONFORTE XA CONTABA CUN ÓRGANO SIMILAR, A MESA DE SERVIZOS, POR INICIATIVA DO ACTUAL GOBERNO LOCAL
Esta Mesa Local de Comercio ven cumprir coa obriga establecida pola nova Lei de Comercio, que establece a constitución destes órganos en todos os concellos que conten cun mínimo de vinte comercios retallistas, ou con algunha asociación de comerciantes. Nos concellos que non cumpran estes requisitos, constituirán mesas representativas nas Deputacións provinciais. Pola súa parte, Monforte xa contaba cunha Mesa de Servizos, creada por iniciativa do actual goberno local, e formada por representantes das asociacións de comerciantes, empresarios e hostaleiros co fin de consensuar todas as actuacións de promoción e dinamización deste sector en Monforte.
APOIO DA XUNTA Ó CCU DE MONFORTE
Pola súa parte, a delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias, anunciou á directiva do CCU de Monforte que “a Xunta continuará colaborando co CCU como sempre o fixo”, apostando “polo comercio polo miúdo como motor de progreso”, a través sobre todo das novidades da Lei de Comercio. Arias lembrou que o Executivo autonómico leva investido 635.069 euros nos tres últimos anos no comercio de Monforte a través de tres grandes eixes de actuación, como son as subvencións para mellora de entornos comerciais (humanización da rúa Otero Pedrayo), subvencións para o fomento do asociacionismo e axudas directas a comerciantes e artesáns.
FERRAMENTA DE APOIO CONTRA A CRISE
Arias cualificou ás Mesas Locais de Comercio de “órganos de coordinación e impulso do sector comercial”, sobre todo na actual crise económica, “para buscar, entre todos os sectores implicados, alternativas e estratexias coas que superar os momentos difíciles que atravesa o pequeno comercio”.