Remanentes do ano pasado financiarán gastos sociais na provincia

Búsqueda de consenso para poñer fin ó conflicto pola financiación dos servizos sociais

O organismo provincial presentou un requirimento á Xunta, sen resposta, para tratar de reconducir a paralización do financiamento social

Un momento da votación do Pleno da Deputación de Lugo. GPDL.

A cuestión do financiamento dos servizos sociais ofrecidos polos Concellos segue a ser un tema de actualidade, xa que a Deputación de Lugo ven de presentar un requirimento á Xunta de Galicia, esixíndolle a derogación do Decreto 99/2012, motivo da polémica. Este requirimento, que foi aprobado no Pleno provincial coa abstención do Partido Popular, responde “ás claras infraccións legais acometidas tanto na forma como no contido”.

INFRACCIÓNS EN CANTO Á FORMA DO DECRETO

O goberno provincial xustifica este requirimento dicindo que este Decreto, no aspecto formal, “é unha chapuza administrativa”, xa que o Goberno galego aprobouno sen informe material previo e preceptivo da Asesoría Xurídica Xeral. Explican ademáis os responsables provinciais que a omisión deste trámite provocou que o ditame do Consello Consultivo de Galicia fose parcial e non abarcase a totalidade dos aspectos que comprende o “Decretazo”. Dende a Deputación indican asimesmo que “neste procedemento non se realizou o esencial trámite de audiencia, é dicir, a Xunta non buscou o consenso das administracións afectadas, tales como Concellos e Deputacións”, e ás cales esta medida imporá novas obrigas económicas sen percibir as transferencias correspondentes.

INFRACCIÓNS DE CONTIDO NO DECRETO

O goberno provincial argumenta que o novo Decreto da Xunta incumpre a Lei 13/2008 de Servizos Sociais de Galicia, según a cal a Xunta concedeu 1.100.000 euros á provincia para as Axudas no Fogar, e 459.000 euros no mesmo concepto no ano 2011. Os responsables provinciais de Benestar pregúntanse por qué a Xunta cita dita Lei para suprimir as axudas, cando levaba dous anos distribuindo partidas que agora nega ter que aportar. O requirimento alude ademais á obriga da Xunta de financiar mediante os seus Orzamentos as Axudas no Fogar en virtude do artigo 53 da Lei de Servizos Sociais de Galicia, que asimesmo obriga ó Goberno autonómico a transferir “a todos os concellos os medios económicos necesarios para o seu axeitado desenvolvemento”. O Goberno provincial baséase no artigo 54 de dita Lei para argumentar que son os Concellos, e non as Deputacións, as que terán que consignar nos seus presupostos as cantidades necesarias para o desenvolvemento dos servizos sociais, polo que “se entende que a Xunta infrinxe a Lei tamén cando co seu Decretazo obriga ás Deputacións a asumir o financiamento das Axudas no Fogar nos Concellos de menos de 20.000 habitantes, mediante unha partida específica nos seus Orzamentos”. Puntualizan que, segundo a Lei de Bases de Réxime Local, “a asistencia económica das Deputacións, coa única excepción dos Plans provinciais de cooperación de obras e servizos, sexa a subvención”, e non unha partida específica dentro dos Orzamentos.

BÚSQUEDA DE CONSENSO, NON DE ENFRONTAMENTO

O Goberno provincial explica a súa decisión, aprobada no Pleno, de presentar un requirimento á Xunta “e non un contencioso administrativo, como podería facer legalmente”, porque “non buscamos confrontacións, senón solucións legais, chegando a un acordo respectando as leis e co consenso entre administracións, para garantir as prestacións sociais ós veciños e o Estado do Benestar”. Nestes momentos, e cumprido o prazo legal dun mes para que a Xunta de Galicia se pronuncie, o Goberno provincial anunciou non ter recibido resposta.

MÁIS DUN MILLÓN DE EUROS DE REMANENTES PARA BENESTAR SOCIAL NOS CONCELLOS

“Evitar a grave e incluso agónica situación dos Concellos tralos drásticos recortes do Goberno galego” en materia de prestación de servizos motivou a aprobación no Pleno provincial, coa abstención do Partido Popular, da incorporación de remanentes ó Orzamento de 2012, o que supón a incorporación a través dun suplemento de crédito dun remanente de 5,3 millóns de euros de aforros. Desta cifra, 3 millóns de euros investiranse en potenciar a colaboración da Deputación cos Concellos e con entidades sen ánimo de lucro, cunha inversión específica para a mellora e conservación de estradas provinciais e municipais. Pola súa parte, os 2,3 millóns de euros restantes adicaranse a benestar, turismo, cultura, deportes, ensino e mocidade. Dentro do desglose destas partidas, 1.094.000 euros investiranse en accións de benestar social, principalmente destinadas a paliar a supresión das achegas da Xunta para os servizos de Axuda no Fogar nos Concellos de menos de 20.000 habitantes. Outras partidas tamén van dirixidas a “paliar os recurtes da Xunta” en materias como cultura, dinamización económica ou mocidade. O tecido asociativo provincial recibirá un millón de euros, e a dinamización cultural municipal e de colectivos algo máis de 300.000 euros. Por outra banda, o ente provincial, cos votos a favor do PSOE e do BNG instou ós Gobernos do Partido Popular a “suprimir os gastos adicionais que impuxeron este ano ós gandeiros”, así como “os novos recortes en educación”. Segundo denunciaron os responsables provinciais, “o Partido Popular négase a demandarlle á Xunta que colabore coa Deputación en asuntos estratéxicos para a provincia, mentres pide que o organismo provincial copatrocine os negocios do PP nos bancos”.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Aula Mentor: formación flexible, económica e de calidade

Seguinte Nova

Chantada, capital do xadrez

Últimas noticias sobre INFRAESTRUTURAS

Ir aInicio

Don't Miss