O Antigo Cárcere acolle nas súas dependencias a oficina do Centro de Referencia de Antigüidades e Restauración, promovido polo Eixo Interior para incentivar este sector económico da vila

O pasado 8 de xuño Sarria inaugurou as oficinas do Centro de Referencia de Antigüidades e Restauración, unha iniciativa enmarcada nos traballos que o Eixo Atlántico ven deseñando para promover sinerxias entre as vilas de Galicia e Norte de Portugal, co obxectivo de incentivar os seus recursos económicos e defender proxectos intermunicipais. O Barco de Valdeorras, o municipio portugués de Barcelos e a vila de Sarria, co apoio da Deputación de Ourense, integran o Eixo Interior, unha rede intermunicipal que ven de incentivar a posta en marcha en cada unha destas tres cidades dun Centro de Referencia para un sector económico singular e diferenciado. Neste sentido, e aproveitando a longa traxectoria de dezasete anos da Feira de Antigüidades e Restauración que se celebra regulamente na rúa do Porvir, Sarria dá carta oficial á restauración e ás antigüidades como seña de identidade da vila.

“O TRÁNSITO DE VISITANTES SERÁ UN ESCAPARATE PARA COÑECER UN ASPECTO SINGULAR DE SARRIA”
O aproveitamento das dependencias do Antigo Cárcere, recentemente mellorada e acondicionada a través dunha actuación da Vicepresidencia primeira da Deputación de Lugo, para instalar as oficinas do Centro de Antigüidades e Restauración “sacará partido ó grande fluxo de peregrinos e visitantes que pasan a diario por este tramo”, sinala a concelleira de Turismo e Comercio, María Ana de Jesús Fernández, “o que pode repercutir moi positivamente no coñecemento desta seña de identidade de Sarria, o sector das antigüidades”. A pesares do pulo e da tradición desta actividade na vila, a responsable municipal de Turismo considera que “aínda hai que traballar moito” para poder consolidar en Sarria un “turismo especializado en torno ás antigüidades”. “Incentivar este sector a través deste novo Centro resulta moi positivo para a vila no seu conxunto, e de cara ó turismo, é unha singularidade máis de Sarria que convén fomentar, para conseguir unha imaxe máis completa e atractiva para o visitante”.

PROMOCIÓN, ASESORAMENTO E PUNTO DE ENCONTRO DO SECTOR DAS ANTIGÜIDADES
María Ana de Jesús Fernández destacou a importancia do novo Centro de Restauración e Antigüidades para os profesionales do sector. “Inauguramos o Centro cun Encontro de Anticuarios da Eurorrexión que resultou moi fructífero, xa que os participantes puideron abordar e contrastar problemas e proxectos, así como plantear solucións conxuntas”, explica a responsable de Turismo e Comercio. Esta xornada profesional abre unha axenda de traballo para este ano, coordinada e xestionada dende as oficinas do Centro de Referencia no Antigo Cárcere. “Proximamente iniciaremos un ciclo de obradoiros sobre restauración de mobles, luthería, talla policromada en madeira e sobre decoración, destinadas fundamentalmente a profesionais do sector”, explica Fernández. “Con todo, o noso obxectivo é realizar un congreso a finais de ano, para o que estamos xa a traballar con gran ilusión”, destaca a responsable municipal, “porque queremos que con este Centro e a súa actividade Sarria se convirta na capital das antigüidades da Eurorrexión”.