A Feira Outrora: unha década homenaxeando o espíritu das feiras e dos oficios tradicionais

Artesáns que manteñen oficios tradicionais, como o de afiador, realizarán demostracións na mañá do día da Feira Outrora, o vindeiro 14 de xullo, en Rubián (Bóveda). Arquivo EC.

Xa está todo listo en Rubián para a celebración, o vindeiro 14 de xullo, da décima edición da Feira Outrora. Esta cita festiva estase a consagrar como un evento dos máis atractivos da provincia, ó conxugar o elemento lúdico para nenos e grandes coa recreación ó espíritu das antigas feiras, elemento inseparable das terras de Lemos.

RECUPERACIÓN DAS ANTIGAS FEIRAS

Hai dez anos que a Feira Outrora arrincou co obxectivo de recuperar o significado do antigo mercado tradicional de finais do século XIX e comezos do XX, como un xeito de actualizar e manter vivas tradicións populares e locais. A feira apareceu como un dos elementos máis recurrentes nos recordos e nas experiencias dos nosos maiores, que lembraban a ledicia daqueles días de feira onde a vida cotiá rompía o seu ritmo xordo de traballos e rutinas, e os doces, xarros, ferramentas e tecidos traídos por artesáns e comerciantes dende diversos puntos do entorno ofrecía unha oportunidade única de achegarse ó mundo de fóra. A evolución dos tempos foi quitándolle a aquelas feiras o seu carácter novidoso e festivo, e se cadra aínda comercial, polo que o seu pulo foi esmorecendo. Velaí o sentido da Feira Outrora: recuperar aquela dinamización tan singular do noso pobo e así, poder viaxar no tempo para descubrir os oficios antergos, as labores tradicionais. E todo isto, nun ambiente festivo para todos os públicos.

OS OFICIOS E A MALLA

A Feira Outrora incluía nos primeiros anos un mercado de exposición e venta de maquinaria agrícola, e pouco a pouco, e de xeito paralelo, foise afianzando unha mostra de artesanía que rematou protagonizando boa parte do evento. Dende as primeiras edicións, cando participaban unha vintena de artesáns, o número e a demanda de expositores foi medrando ata acadar os 45 postos da última edición, xa que incluso acuden artesáns de fóra de Galicia. Afiador, zoqueiro, oleiro, cesteiro, panadeiro, vidreiro, ferreiro, e outros máis son os mestres artesáns que se poden ver traballando durante a xornada festiva. Asimesmo, Outrora incorpora dende o ano 2008 a recreación dunha “malla”, unha das escasísimas representacións desta actividade tradicional que se realizan agora en Galicia.

PROGRAMA DE ACTOS

A primeira hora da mañá do 14 de xullo terá lugar a inauguración da I Mostra de Etnografía de Rubián, para dar comezo á representación dos oficios tradicionais. Música a cargo da Banda Municipal de Gaitas de Bóveda, e teatro de rúa con obradoiros para nenos e adultos ocuparán a última parte da mañá, trala degustación de produtos tradicionais. As actividades para os máis novos voltan pola tarde, con obradoiros e a Festa da Auga e da Espuma. A media tarde terá lugar o concerto de música de cámara na Capela do Ecce Homo, para dar paso ás oito e media á recreación etnográfica da Malla. A festa pecharase cos pasodobles a partir das nove e media da tarde.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Constituirase unha asociación para mellorar a Feira Medieval de Monforte

Seguinte Nova

O 15 de xullo celebrarase en San Clodio a seguinte proba puntuable do Circuíto Leader Ribeira Sacra de Carreiras Populares 2012

Últimas noticias sobre CULTURA

Ir aInicio