Escolares de Pantón visitaron as bases aéreas de prevención contra o lume de Marroxo e Doade

O pasado 21 de xuño, alumnado do CEIP Monte Baliño, de Pantón, realizou unha visita ás bases aéreas de prevención e defensa contra o lume de Marroxo e Doade, situadas no concello de Monforte de Lemos e Sober. Durante a súa visita, o grupo estivo acompañado polo xefe territorial do Medio Rural e do Mar, Ramón Losada. Segundo os responsables desta iniciativa, o obxectivo das visitas para grupos escolares é ofrecer unha experiencia pedagóxica dirixida a fomentar unha maior conciencia sobre o perigo dos incendios forestais e as desastrosas consecuencias que teñen para o monte.

Melloras nas instalacións contra incendios

As bases aéreas de Marroxo e Doade, no sur de Lugo, foron obxecto de obras de mellora nestes meses. A consellería de Medio Rural e do Mar levou a cabo diversas actuacións na base do Marroxo, como a renovación da instalación eléctrica do posto de vixilancia e da iluminación exterior, para a que se empregaron focos de baixo consumo. Na base de Doade, procedeuse á construción dun novo pozo de barrena que proporciona maior capacidade de almacenamento de auga.

Investimentos en acondicionamento en infraestruturas forestais de cara ó verán

Neste sentido, a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, explicou que a Consellería de Medio Rural e do Mar investiu 1.324.282 euros en traballos de limpeza e adecuación das infraestruturas forestais da provincia de Lugo de cara á prevención de incendios no verán. Arias explicou que boa parte destes traballos están destinados a limpar e acondicionar as vías de acceso aos montes e os cortalumes, para evitar a propagación dos incendios ou facilitar a mobilidade dos medios de extinción. A Consellería está a executar directamente obras por 535.312 euros, e destina outros 788.970 aos concellos para traballos preventivos en vías, camiños e outras superficies de titularidade municipal.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Natación, xogos, teatro e excursións para o verán de Pantón

Seguinte Nova

Escolares de Monforte, Brollón, Sober e Quiroga, premiados no concurso provincial Letras Galegas de narración e debuxo

Últimas noticias sobre INFRAESTRUTURAS

A %d blogueros les gusta esto: