
A obra dramática “A cerna”, do escritor chantadino Xosé Lois García, foi galardoada co II Premio MOME de Teatro Varela Buxán, que se entrega na Estrada coincidindo coas festas de San Paio. Esta iniciativa, promovida polo Museo do Moble e da Madeira da Estrada (MOME), coa colaboración do Concello da Estrada e da Consellería de Cultura e Educación a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, ten como obxectivos principais preseverar no cultivo da lingua galega como sinal de identificación e diferenciación de Galicia e principal patrimonio cultural. O premio leva o nome do dramaturgo estradense Manuel Varela Buxán.
TEMÁTICA ECOLOXISTA
“A cerna”, obra premiada do chantadino Xosé Lois García, toma como base a temática ecoloxista ao longo do cento de páxinas que conforman a obra en tres actos, para artellar, según declarou o xurado, “un discurso en favor da natureza”. Na obra, varias voces argumentan razóns en defensa e en contra “nunha peza que evoca diferentes autores galegos, desde Rosalía ata Novoneyra pasando por Pondal ou incluso por Wenceslao Fernández Flórez. A madeira constitúe a cerna e, á súa vez, é metáfora da permanencia e da vida”.