Na súa visita á cidade, o presidente da Deputación instou á Xunta e ó Goberno central a que manteñan a Monforte na rede transeuropea de mercadorías
O pasado 22 de xuño, o presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, visitou Monforte para supervisar a iluminación do Paseo Fluvial do río Cabe, actuación financiada con 70.000 euros a cargo do Canon. Esta será a derradeira obra deste plan, para o que o ente provincial destinou 233.097 euros, e que supuxo o acondicionamento de diversos camiños municipais, a humanización da rúa Otero Pedrayo, ademais da iluminación do paseo peonil do Cabe. Tras reunirse cos representantes da corporación local, o titular provincial comprobou o estado das actuacións en diversos puntos do Paseo Fluvial, acompañado do alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, do voceiro socialista no Concello, José Tomé, e os responsables da empresa adxudicataria do proxecto, que explicaron ás autoridades as características e estado das actuacións na nova iluminación das marxes do río Cabe.
AGRADECEMENTO DO CONCELLO POLO “APOIO INCONDICIONAL” DA DEPUTACIÓN A MONFORTE
Trala visita, o alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, agradeceu ó mandatario provincial o financiamento desta actuación, “un complemento importante para o desenvolvemento da vila”, que “permite rematar a urbanización do tramo urbano do río Cabe”. Asimesmo, o rexedor local agradeceu “en nome de todos os monfortinos” o “apoio incondicional” da Deputación en diversas iniciativas de importancia para a vila, como a consolidación de Monforte como nó loxístico e punto integrado dentro da rede básica de transporte de mercadorías europea, “porta de entrada e saída de Galicia dentro desta hiperestrutura”.
PROPOSTA APROBADA NO PLENO PROVINCIAL COS VOTOS EN CONTRA DO PP
Pola súa banda, o presidente da Deputación suliñou que no tema das infraestruturas na provincia de Lugo “non hai renuncia”, xa que o seu Goberno “non vai dar un paso atrás” no compromiso con Lugo e Monforte con respecto ó ferrocarril e á rede de transporte europea. Besteiro calificou de “espazo fundamental para Galicia” a consolidación de Monforte como nó loxístico na rede transeuropea, e lembrou que “non se pode entender o sur de Lugo sen o ferrocarril”. Con esta intención, no Pleno da Deputación foi aprobada cos votos a favor do Psoe e BNG a proposta do equipo de Goberno provincial para instar á Xunta e ó Goberno central a a manter Monforte na rede transeuropea de mercadorías, mentres o PP votou en contra. Os responsables do goberno provincial explicaron que esta proposta trata de recuperar o avanzado neste punto durante a xestión de José Blanco á fronte do Ministerio de Fomento, que licitou e iniciou as obras da liña do AVE Ourense-Monforte-Lugo e que “foron paralizados polos Gobernos do PP na Xunta e en Madrid”. Na proposta aprobada polo Pleno da Deputación cos votos en contra do Partido Popular ínstase á Xunta e ó Goberno de Mariano Rajoy a “non discriminar a Lugo como única capital galega sen tren híbrido cara Madrid”, malia estar contemplado por Fomento durante a xestión de José Blanco.
DENUNCIA DOS “COMPROMISOS PARALIZADOS” QUE AFECTAN Á PROVINCIA
Os responsables provinciais argumentaron que o tren híbrido Alvia S-730 Lugo-Madrid debería ter comezado a prestar servizo a mediados deste ano, según a previsión do Departamento de Estado cando Blanco estivo á fronte de Fomento. Deste xeito, o traxecto entre a capital lucense e Madrid reduciríase a 6 horas, 3 horas menos que o tempo de conexión actual. Neste “goteo incesante de paralizacións e atrasos” do Goberno central e autonómico en todas as actuacións que afectan a Lugo, o equipo de goberno provincial lembrou tamén o anuncio do presidente da Xunta cando asumiu a responsabilidade de impulsar a liña de alta velocidade entre Lugo e Ourense, “compromiso que agora está totalmente paralizado”. Esta situación demostra, según os responsables do Goberno provincial, que “José Blanco, a través do Pacto do Obradoiro”, foi o único que conseguiu consagrar o remate de dita infraestrutura, poñendo enriba da mesa prazos exactos e o investimento necesario”.
MONFORTE, “NÓ LOXÍSTICO PRINCIPAL” EN EUROPA
Dentro das melloras das comunicacións, o equipo de Goberno provincial considera “de extraordinaria importancia” que as administracións competentes, Xunta e Ministerio de Fomento, “realicen as xestións oportunas, coa conseguinte consignación presupostaria, para que Monforte se manteña como un dos nós loxísticos máis importantes de Galicia dentro da rede transeuropea de transporte”. En novembro de 2011, Fomento anunciaba a proposta da Comisión Europea que contempla a construción dunha plataforma multimodal en Monforte, así como o mantemento do tráfico de mercadorías a través do trazado Monforte-Ourense-Vigo-Pontevedra-Santiago-A Coruña, que tamén incluía un acceso ó porto de Ferrol. Estas infraestruturas forman parte do corredor atlántico que unirá España con Portugal, e que quedará interconectado cos outros grandes corredores da rede transeuropea de transporte. Os responsables provinciais consideran que coa construción desta base loxística e coa conexión, por parte da Xunta, do porto seco coa N-120 e o corredor Sarria-Monforte, este municipio convertiríase “nunha das principais portas de entrada e saída de mercadorías cara Europa”, e suporía a creación de “decenas de postos de traballo” e un “gran avance na eficiencia económica e competitividade” de toda a provincia.