Presentado en Lugo o Programa EMEGA para favorecer o emprendemento feminino

A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, e a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, durante a presentación do Programa EMEGA en Lugo. GPXG

Lugo acolleu a presentación do Programa EMEGA ás asociacións de mulleres e empresarias da provincia. Durante o acto, a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, puxo de relevo o carácter estratéxico para a economía de Galicia de “desenvolver políticas públicas que creen as condicións axeitadas e favorezan as iniciativas empresariais lideradas por mulleres”. López Abella destacou que, segundo indican informes do Banco Mundial da Muller, as empresas lideradas por mulleres sortean mellor a crise e duran un 30 % máis que as creadas por homes.

AXUDAS ESPECÍFICAS PARA AS DIVERSAS FASES DO EMPRENDEMENTO

O programa Emega de fomento ao emprendemento feminino conta cunha dotación económica para este exercicio de 665.000 euros, con axudas estruturadas en catro tipoloxías: Emprende, Innova, Activa e Concilia. A liña Emprende está pensada para estimular a posta en marcha de iniciativas empresariais e a creación de emprego feminino por conta propia e allea. Pola súa parte, a liña Innova pretende promover a realización de melloras innovadoras nas empresas lideradas por mulleres que conleven a creación de emprego feminino. Asimesmo, a liña de axudas denominada Activa trata de favorecer a reactivación e consolidación de empresas mediante a renovación, relanzamento, ampliación ou cambio de localización da actividade.

AXUDAS PARA CONCILIACIÓN DE TRABALLO E FAMILIA

Como novidade deste ano, a liña Concilia está dirixida ás empresas nas que mediante acordos, convenios ou contratos de teletraballo, se implementen novos sistemas de organización que conleven flexibilidade no uso dos tempos, e ás empresas perceptoras das liñas Emprende, Innova ou Activa nas que haxa promotoras con fillos ou fillas menores de tres anos, ao obxecto de favorecer o exercicio profesional coa maternidade en idades temperás.

O EMEGA EN CIFRAS

O programa Emega permitiu a creación de 2.714 novos proxectos empresariais liderados por mulleres, desde a súa posta en marcha no ano 1996. Na convocatoria de 2011, o Emega subvencionou 82 proxectos, deles 38 na provincia de Pontevedra, 29 na de Coruña, 12 na de Ourense e 3 na de Lugo. En canto ó perfil das emprendedoras galegas, case a metade teñen estudos universitarios e frecuentemente tamén formación en emprendemento. Asimesmo, as mulleres amosan mellor disposición a percibir oportunidades para emprender, cun 38% sobre o 26% para os varóns, e teñen maiores expectativas de creación de emprego e un menor temor ao fracaso, un 20% fronte ao 31% dos homes.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

O nó loxístico de Monforte, “espazo fundamental para o desenvolvemento de Galicia”

Seguinte Nova

O Club Natación Monforte arrasa con 16 medallas no Campionato Galego de Alevín

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

Ir aInicio

Don't Miss