O grupo, afincado en Salcedo, mistura música, títeres, clown e teatro para arrincar risas a nenos de 0 a 100 anos
A compañía participa no programa Buxiganga
O tándem Teatro Monart (Arturo Fernández, músico, e Mónica García, mestra, ambos con inquedanzas vinculadas á expresión teatral) aterrizou en Salcedo (A Pobra do Brollón) logo dunha breve pero intensa estancia como grupo teatral traballando en diversos puntos de Venezuela. A experiencia no país americano, aínda que como grupo recén creado (comezaron como Teatro Monart no 2010), “saíunos bastante ben”, comenta Mónica, e decidiron apostar por continuar coa súa laboura de “facer rir, non só a nenos, cos que nos encanta traballar, senón tamén cos adultos, xa que en realidade o humor é un idioma universal que vai dos 0 ós 100 anos”.
PULO ÓS GRUPOS TEATRAIS A NIVEL MUNICIPAL
Música, clown, teatro e títeres son os ingredientes do espectáculo “Kasi Circo” que está a poñer en escea Teatro Monart en diversos concellos da provincia de Lugo, cunha recentísima actuación en Bóveda hai poucos días. Este espectáculo forma parte do programa Buxiganga, organizado pola Área de Cultura da Vicepresidencia primeira da Deputación, que busca promover o teatro a nivel municipal, e dar pulo ós pequenos grupos teatrais a través de formación e de oportunidades de promoción. “Buxiganga non só é un apoio económico para as asociacións teatrais, senón que ofrece gran variedade de cursos de formación a prezos incríbles”, comenta Mónica.
MELLORAR O ENTORNO E COMPARTILO COS MÁIS NOVOS
Teatro Monart estréase con “Kasi Circo” dentro do programa Buxiganga, “aínda que esperamos que haxa máis anos neste programa”, explica Mónica, “xa que é unha gran oportunidade para os que queremos seguir disfrutando do teatro como unha forma de vida”. Un especial modus vivendi que busca a través do teatro “seguir buscando novas ideas cun sentido máis educativo, aportando pequenos grans de area para mellorar o noso entorno e compartilo cos nenos e nenas, que son o noso futuro”.