Monforte acolleu a firma dos convenios sobre Proxectos Estratéxicos de Infraestruturas no Medio Rural (PEIM) cos alcaldes dos 29 municipios beneficiados
Esta parte do Plan complementa á executada polo Goberno galego o ano pasado

A Escola de Capacitación Agraria de Monforte foi o punto de reunión dos representantes da Xunta de Galicia e os alcaldes dos 29 municipios do sur da provincia de Lugo incluídos dentro do plan de Proxectos Estratéxicos de Infraestruturas no Medio Rural (PEIM). Durante este encontro, tivo lugar a firma dos convenios da segunda fase de execucións deste plan, que conta cun investimento de 2.020.600 euros aportados polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, logo que a Xunta de Galicia executara o pasado ano a parte que lle corresponde nesta iniciativa de colaboración entre a Administración autonómica e central.
OBXECTIVOS DESTES PROXECTOS
Segundo explicaron os representantes da Xunta, o obxectivo fundamental das obras enmarcadas nestes proxectos é “dignificar e mellorar a calidade de vida da poboación que reside nestas zonas”, e “contribuír a arranxar as deficiencias que persisten en determinadas zonas rurais de Galicia”.
APOIO ÓS CONCELLOS PARA QUE POIDAN REALIZAR AS OBRAS, E MANTEMENTO DE PRETO DE 250 POSTOS DE TRABALLO NO SUR DE LUGO
Durante a firma dos convenios, a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, suliñou o feito de que “a través deste programa o Executivo galego posibilita a realización de obras que serían difíciles de asumir polas economías dos concellos, e mellora a calidade de vida da poboación”. Asimesmo, Arias insistiu na repercusión destas actuacións sobre a dinamización económica dos pequenos municipios, xa que “esta iniciativa tamén favorece o mantemento de postos de traballo nas empresas adxudicatarias, na maioría dos casos pequenas empresas de ámbito local, que no caso da zona sur estamos a falar de arredor de 250 postos de traballo”.
COFINANCIACIÓN ENTRE XUNTA E MINISTERIO O PEIM
Rural é un plan que inclúe proxectos financiados pola Consellería do Medio Rural e do Mar e o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente co fin de levar a cabo actuacións en materia de desenvolvemento rural. No convenio establécese un marco xeral de cooperación onde se definen as liñas xerais de colaboración técnica e financeira en materia de infraestruturas rurais. Así, o convenio establece que a Xunta de Galicia realizará actuacións de infraestrutura rural, mentres que o Ministerio colaborará no financiamento de actuacións relativas a camiños agrícolas e pistas rurais. Esta parte do plan complementa á executada pola Xunta o ano pasado.
O PEIM, POR MUNICIPIOS
Logo da firma dos PEIM nas diversas provincias galegas, os responsables autonómicos anunciaron a contía das convenios con cada un dos municipios beneficiados no sur de Lugo. Así, na comarca de Chantada, Carballedo recibirá 82.130,80 euros, Chantada 93.629,88 euros, e Taboada 103.808,46 euros, a aportación máis elevada das consignadas para o sur provincial.
•COMARCA DE LEMOS
Na Terra de Lemos, Monforte percibirá 83.275,85 euros, a Bóveda corresponderanlle 47.824,27 euros, Pantón contará con 92.671,79 euros, e A Pobra do Brollón levará 64.326,48 euros. Pola súa parte, O Saviñao recibirá 83.567,33 euros e Sober 99.814,76 euros.
•TERRAS DE SARRIA E QUIROGA
Dentro da comarca de Sarria, 66.801,25 euros serán destinado a actuacións no Incio, 74.825,25 euros a Láncara, 68.771,46 euros a Paradela e 52.158,82 euros ó Páramo. Pola súa banda, Samos recibirá 59.528,80 euros, Triacastela 40.658,01 euros e Portomarín 58.664,60 euros. Asimesmo, estarán destinados a Quiroga 91.677,13 euros, 43.942,95 euros a Ribas de Sil e 48.824,17 euros a Folgoso.