Este Condado estaba integrado na Idade Media polos territorios dos actuais concellos de Guntín, Portomarín, Taboada, Chantada e Carballedo
A Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares, en colaboración coa Consellería de Cultura e Educación a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e coa Deputación de Lugo, a Obra Social de Novacaixagalicia e os concellos de Guntín e Taboada, organiza a nova edición do Certame de Investigación Lingüística Condado de Pallares, que xa acada a súa sexta convocatoria.
INVESTIGACIÓN SOBRE OS ELEMENTOS CULTURAIS DO ANTIGO CONDADO
Segundo explicaron os responsables deste Certame, esta iniciativa busca promover os labores de investigación asociados aos ámbitos da lingüística, a historia, a arte, a arqueoloxía, a antropoloxía, a etnografía e o folclore no antigo territorio que conformou o coñecido Condado de Pallares, e que abranguía na Idade Media as demarcacións dos actuais concellos de Guntín, Portomarín, Taboada, Chantada e Carballedo.
“FOMENTAR O USO DA LINGUA GALEGA NA INVESTIGACIÓN”
Durante a presentación da VI edición do Certame Condado de Pallares, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, incidiu na importancia da iniciativa por fomentar o uso da lingua galega no eido da investigación. Neste sentido, o secretario xeral destacou que desde a Consellería de Cultura e Educación “se aposta decididamente tanto por apoiar e impulsar a investigación sobre o galego como aqueloutra feita en galego”. O responsable da Política Lingüística da Xunta de Galicia suliñou tamén o feito de que “grazas a este premio, xa consolidado no ámbito dos certames galegos de investigación, ven a luz ano a ano valiosos traballos de investigación arredor da lingua, da arte, da antropoloxía ou da etnografía dos concellos que integraron noutrora o Condado de Pallares, dos cales a meirande parte integran a día de hoxe a Rede de Dinamización Lingüística, como no caso de Guntín, Taboada e Carballedo”.
“DESCENTRALIZAR A INVESTIGACIÓN ANTROPOLÓXICA CARA A ZONA RURAL”
Pola súa parte, o delegado de Cultura da Deputación de Lugo, Mario Outeiro, destacou que este evento “promove a investigación da zona rural, a pesares de que a maior parte da investigación científica no eido antropolóxico ou literario está promovida sempre polas universidades galegas, moi centradas nos ámbitos urbanos e vilegos, por iso é de destacar o traballo que está a facer a Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares”.