Na entrega dos premios de debuxo e redacción da provincia
Na recente entrega de Premios promovidos pola Biblioteca Provincial Nodal de Lugo co gallo do Día das Letras Galegas, Raquel Arias destacou diante dos 23 rapaces e rapazas premiados “a vontade e o espírito creativo que fomentan entre os máis xoves” este tipo de iniciativas promovidas dende a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
ESPECIAL REPERCUSIÓN DESTA INICIATIVA A NIVEL LOCAL
“A Biblioteca Provincial Nodal, o seu persoal e a súa directora teñen moi dentro unha vocación de fomento cultural que se manifesta en actividades dinamizadoras coma esta”, expuxo Arias, que recoñeceu o valor de moitos dos traballos que resultaron “tremendamente atractivos” e subliñou o “estimulantes” que son para os rapaces estes premios. Asimesmo, Raquel Arias explicou que “a escala local estes premios son algo grande, fan que os autores se sintan máis seguros de si, van conformando unha sona de rapaces con valía, con preparación, chamados a ser algo na vida”.
PARABÉNS A MESTRES, PAIS, NAIS E AVÓS, “POR APOIAR O TRABALLO CREATIVO DOS MÁIS NOVOS”
Por último, Arias felicitou aos premiados, aos reitores das bibliotecas, ós mestres, e de xeito especial ós pais e avós, xa que, como explicou ós rapaces e rapazas premiados, “eles saben comprender as vosas inquedanzas, respectar as vosas afeccións, valorar o voso traballo, e por apoiarvos no que quizais só é unha anécdota da nenez ou da primeira xuventude, pero ó mellor tamén resulta que é o voso destino de pintores e escritores”. Os premiados da zona sur de Lugo foron Claudia Ares Vila e Nicolás López Argiz, pola biblioteca de Monforte; Lucas López Macía e Lorena Neira Rodríguez, pola biblioteca de A Pobra do Brollón; Laura Rodríguez González, pola biblioteca de Sober; e Brais Fernández González, pola biblioteca de Quiroga.