200.000 euros para o Plan provincial de Emprego feminino

O goberno provincial critica as políticas de austeridade do Goberno central e da Xunta “que están a crear máis paro”

O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsable da Área de Benestar Social e Igualdade, Antonio Veiga, presentou o Plan de Emprego Feminino da provincia de Lugo, dotado con 200.000 euros. Este Plan conta cun dobre obxectivo, xa que busca formar ás mulleres participantes naqueles sectores económicos que mellor están a resistir a recesión económica e que, polo tanto, son un nicho potencial de creación de emprego, como o turismo, e tamén fomentar a cultura emprendedora, o autoemprego e o cooperativismo.

ATENCIÓN Ó SECTOR SERVIZOS, E FOMENTO DOUTRAS FÓRMULAS DE EMPREGO

O responsable provincial explicou que, dentro deste Plan, se pretende recuperar o emprego no sector servizos, “un dos máis afectados pola crise e cunha taxa de desemprego feminino que sufriu un incremento do 25% nos últimos tres anos”, ao tempo que se traballa na potenciación de “modelos de negocio descentralizados, diversificados e rendíbeis economicamente”.

O PARO FEMININO REXISTRA DATOS ALARMANTES

Segundo a valoración da situación do emprego feminino na provincia de Lugo que expuxo o responsable de Benestar Social e Igualdade, a Enquisa de Poboación Activa do primeiro trimestre de 2012 indica unha taxa de actividade feminina 13 puntos por debaixo da masculina. Os datos interanuais falan de que o desemprego feminino se incrementou nun 27% nos últimos tres anos, con especial virulencia na franxa de idade entre 25 e 44 anos, onde o incremento do número de mulleres desempregadas foi do 28% no mesmo periodo. As estatísticas falan tamén en negativo do efecto “rebote” que sobre a situación laboral das mulleres tivo a caída do sector da construcción, que provocou un aumento do paro masculino e o derrubamento do sector servizos. Isto fixo que neste sector, o emprego feminino caera nun 25% dende 2009.

PRECARIEDADE DO EMPREGO FEMININO, E CONSECUENCIAS “VIRULENTAS” DA REFORMA LABORAL SOBRE AS MULLERES

A histórica precariedade do emprego feminino fai que, neste contexto de aumento do desemprego, esta situación empeore, como evidencia o o incremento do 3% dos contratos temporais na provincia nos últimos tres anos. Asimesmo, as mulleres sen estudos acadan a maior taxa de paro, cun 71% de desemprego rexistrado fronte ó 13,7% de desempregadas con estudos superiores, cifra que tamén subiu con respecto ó 9,4% do ano 2010. Na exposición do Plan de Emprego para Mulleres, o responsable provincial de Benestar Social e Igualdade criticou que a reforma laboral está a ser “virulenta” coas mulleres debido á modificación do permiso de lactancia, a eliminación das bonificacións ás empresas para a incorporación das mulleres que gozasen dunha excedencia ou a “desnaturalización” dos contratos a tempo parcial, “dificultando a conciliación da vida familiar e laboral”.

CRÍTICAS Á XUNTA

Neste contexto, Antonio Veiga abogou por “tomar medidas diametralmente opostas ás que se están implementando desde o Goberno central como desde a Xunta, máis preocupados pola evolución das variables macroeconómicas que pola economía real das familias, que empeora día a día” . Veiga resaltou que “a crise económica non pode ser unha escusa para deixar de lado as políticas de emprego con perspectiva de xénero”, xa que o desemprego feminino require unha atención especial”.

A COMARCA DE CHANTADA, A ZONA CON MÁIS PARO FEMININO

Nos datos aportados na presentación do Plan de Emprego Feminino, Veiga sinalou que a comarca de Chantada rexistrou a maior subida do paro feminino dende 2009, cun 35,33%, seguida do 34% de A Fonsagrada, o 32% da Ulloa, e do 30% na Mariña. Pola súa parte, na comarca de Sarria o desemprego feminino aumentou nun 22,27% e no Val de Lemos un 20,08%. Pola contra, a única comarca onde descendeu o paro feminino foi Quiroga, cunha baixada do 3% dende 2009.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O VERÁN NON DÁ TREGUA Ó DESEMPREGO NO SUR DE LUGO

Seguinte Nova

Vivir o Museo: un verán descubrindo Tor

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

     
A %d blogueros les gusta esto: