A zona sur de Lugo amosa o maior número de solicitudes presentadas ó Pacto polo Emprego

Segunda parte do programa provincial de cursos remunerados para a inserción laboral

Rexistradas na provincia un total de 764 solicitudes para 340 prazas

O presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, durante a entrega dos diplomas na Mariña ós beneficiarios da primeira fase do Pacto Provincial polo Emprego. GPDL

A convocatoria de prazas para cursos remunerados de inserción laboral integrados no Pacto polo Emprego da Deputación de Lugo rexistrou unha importante acollida, con 764 solicitudes, das que máis da metade procedían das comarcas do sur de Lugo e da Mariña. A zona sur liderou o número de inscripcións, cun total de 244, das que un 73% procedían dos concellos da Ribeira Sacra, e o 27% restante dos municipios da comarca de Sarria. A nivel municipal, foi Monforte de Lemos o concello que máis solicitudes emitiu, cun total de 80, seguido a distancia e xa a nivel provincial por Viveiro, con 61 solicitudes. Unha vez pechado o prazo para enviar as solicitudes, o organismo provincial está a realizar a selección dos 340 beneficiarios, aténdose ós criterios de valoración establecidos nas bases e, unha ver resolto este procedemento, publicarase a lista de admitidos e excluidos na web www.deputacionlugo.org.

EMPREGOS “BRANCOS”, “VERDES” E “AZUIS”: ATENCIÓN SOCIOSANITARIA, MEDIOAMBIENTE E NOVAS TECNOLOXÍAS

O Pacto Provincial polo Emprego permite ós beneficiarios recibir de xeito totalmente gratuíto formación teórica e prática nos chamados “xacementos de emprego”, é dicir, aquelas profesións que amosan un maior potencial de desenvolvemento e que están a resistir mellor a crise. A catalogación dos xacementos de emprego estase a facer en tres segmentos, como os denominados “empregos brancos”, vinculados coa atención sociosanitaria e a dependentes, sector que xerará, según un estudo do Ministerio de Traballo, ó redor de 200.000 empregos en España ata 2015. Pola súa parte, os “empregos verdes”, relacionados co medio ambiente e a sostibilidade, reafirman o seu potencial ó medrar un 235% na última década. Por último, os “empregos azuis”, vinculados ás tecnoloxías da Información e a Comunicación, teñen unha perspectiva de creación de 218.000 empregos ata 2020 en España.

LISTADO DE CURSOS

O programa iniciarase a finais do mes de xullo e prolongarase ata novembro. Neste periodo, impartiranse 22 accións formativas de 13 temáticas diferentes: coidador de discapacitados físicos e psíquicos; atención especializada para enfermos de alzheimer; auxiliar de enfermería en xeriatría; dinamización de actividades de tempo libre educativo infantil e xuvenil; produtor de hortalizas ecolóxicas; actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería; instalador de impermeabilización; mantedor, reparador de calefacción e auga quente sanitaria; edificación sostible; técnico en comercio exterior; xestión comercial das ventas; e administrador de servidores e páxinas web. A novidade deste segundo Pacto polo Emprego é a inclusión dun taller de emprendemento, no que se ofrecerá información calve para iniciar a posta en marcha dun negocio propio. Os cursos impartiranse de xeito descentralizado, nas áreas de influencia de Monforte, Viveiro e Lugo, aínda que poderán sufrir cambios según a demanda rexistrada. Pola súa parte, as práticas realizaranse en asociacións e empresas lucenses de sectores estreitamente vinculados coas áreas dos cursos. Este programa, financiado nun 80% por fondos da Unión Europea, asigna ós participantes unha axuda económica durante todo o periodo formativo (en torno ós 400 euros), compatible coa prestación por desemprego.

RESULTADOS DA INSERCIÓN LABORAL NOS PROGRAMAS FORMATIVOS PROVINCIAIS

A inserción laboral dos desempregados a través da mellora da súa formación é o obxectivo deste Pacto polo Emprego, co que teñen especial atención colectivos como os menores de 30 anos e maiores de 45, persoas con algún tipo de discapacidade, vítimas de malos tratos e desempregados de longa duración, entre outros. A aposta polo impulso do mercado laboral na provincia é un dos obxectivos prioritarios da xestión do Goberno provincial. A pesar de non ter as competencias directas en emprego, son varias as iniciativas que neste eido leva desenvolvido o ente provincial. Así, esta segunda parte do Pacto polo Emprego continúa o camiño iniciado o ano pasado, no que participaron 575 persoas, das que máis de 100 seguiron traballando. Asimesmo, o plan Lugo Emprega deu traballo a 711 persoas, e as becas medioambientais Lug02 acadaron unha inserción laboral do 50%. En breve, poráse en marcha o Plan Integral Agropecuario Forestal, para formar a 900 persoas no emprendemento nestes sectores de gran importancia estratéxica na provincia de Lugo.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

2.988 lucenses de 64 concellos beneficiaranse das axudas provinciais para a prestación do Servizo de Axuda no Fogar

Seguinte Nova

Cristina Ferreiro gaña o XII premio Fiz Vergara

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: