Comezan as obras da nova potabilizadora de Ribasaltas

O Secretario de Estado de Medio Ambiente visitou a capital de Lemos para presentar esta actuación, que supuxo unha inversión de más de 6,1 millóns de euros, sufragada entre o Ministerio, a Xunta de Galicia e o Concello de Monforte

O secretario de Estado de Medio Ambiente, Federico Ramos, escoita a explicación do proyecto da nova potabilizadora de Ribasaltas acompañado polo conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, o delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez, a directora xeral de Acuanorte, Isabel Pérez, a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, e a tenente de Alcalde de Monforte, MªXosé Vega. EC.

A colaboración institucional tanto no financiamento como no avance da tramitación administrativa foi un dos aspectos máis salientados polos responsables das tres administracións implicadas no proxecto de ampliación e mellora da potabilizadora de Monforte de Lemos. O pasado 3 de xullo, o secretario de Estado de Medio Ambiente, Federico Ramos, visitaba as instalacións da actual potabilizadora en Ribasaltas para presentar o inicio destas obras, acompañado polo conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, o delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez, a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, e MªXosé Vega, tenente de alcalde de Monforte de Lemos, así como representantes da corporación local.

6,1 MILLÓNS DE EUROS FINANCIADOS ENTRE TRES ADMINISTRACIÓNS

Esta actuación conta cun investimento de 6,1 millóns de euros, cofinanciados no 50% polo Ministerio de Medio Ambiente a través da sociedade estatal Acuanorte, no 40% pola Xunta de Galicia a través de Augas de Galicia, aportando 2,5 millóns de euros, e no 10% polo Concello de Monforte, que aporta 610.000 euros. Tras coñecer os detalles da ampliación e mellora da Estación de Tratamento de Auga Potable, o secretario de Estado de Medio Ambiente, Federico Ramos, suliñou que esta actuación “non só garantirá un óptimo suministro de auga, senón que atenderá e dará resposta ó futuro incremento de demanda de auga da poboación de Monforte e das súas actividades económicas”. Pola súa parte, o conselleiro Agustín Hernández insistiu na idea expresada polo representante ministerial sobre a importancia de “manter a colaboración entre as administracións para acadar os obxectivos, romper coas carencias que presenten os concellos en materia de infraestruturas e, en definitiva, mellorar a calidade de vida dos cidadáns”.

RAQUEL ARIAS: “ESTA ACTUACIÓN É UN DOS PROXECTOS MÁIS IMPORTANTES DA LEXISLATURA PARA MONFORTE”

Asimesmo, a delegada territorial da Xunta en Lugo afirmou que “o actual goberno da Xunta constatou a necesidade desta infraestrutura para os veciños de Monforte, e asumiuna como unha prioridade ao inicio desta lexislatura, procedendo ao seu financiamento, xunto co Goberno central”. Raquel Arias cualificou este proxecto, xunto co inicio das obras de urbanización do porto seco, como “unha proba diáfana do empeño do Executivo galego en manter o impulso para modernizar as dotacións existentes en Monforte e toda a comarca co fin de mellorar os servizos a disposición dos veciños”.

“GRAN NOTICIA HAI TEMPO AGARDADA” POLO GOBERNO LOCAL

Pola súa parte, dende o Concello de Monforte cualificaron de “gran noticia hai tempo agardada” o inicio das obras de ampliación e mellora da potabilizadora, proxecto a prol do cal Severino Rodríguez leva realizando xestións dende hai cinco anos logo de detectar as limitacións e deterioro da actual instalación suministradora de auga potable. Tras presentar o BNG unha enmenda ós Presupostos Xerais no 2008, conseguiuse que se incluíra unha partida destinada a esta actuación. Tras anos de xestión para acadar unha financiación compartida, pola imposibilidade de asumir o Concello a totalidade do investimento, o Goberno local gábase do inicio destas obras, que farán posible que a nova potabilizadora estea en marcha no 2014.

CARACTERÍSTICAS DO NOVO SISTEMA DE ABASTECEMENTO

O novo sistema de abastecemento de auga potable de Monforte estará integrado por unha nova estación de tratamento de auga potable (ETAP) con capacidade de 230 litros por segundo, e que sustituirá á actual, moi deteriorada. Estará situada en Ribasaltas, nunha parcela anexa á existente, e tomará a auga do azude de Freixó. A intervención tamén inclúe un novo depósito de regulación de auga tratada, que estará en Ribasaltas, e terá unha capacidade de 3.200 metros cúbicos. A instalación completarase cunha estación de bombeo de Ribasaltas ó Cornado, e unha conducción de impulsión cunha lonxitude de 351 metros, así como obras accesorias de regulación e control.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Cristina Ferreiro gaña o XII premio Fiz Vergara

Seguinte Nova

O Km0, agora tamén na fin de semana

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: