Cristina Ferreiro gaña o XII premio Fiz Vergara

O xurado destacou en Abecedario póstumo, a obra premiada, o seu ritmo, coherencia reflexiva e actualidade, “xa que ofrece momentos poéticos visionarios co que está a pasar neste momento histórico”

Cristina Ferreiro, a gañadora do Fiz Vergara 2012, Francisco Pérez, concelleiro de Cultura de Sarria, e o artista plástico Jesús Otero-Yglesias, na entrega do “obxecto poético” que cada ano un artista realiza para agasallar ó poeta galardoado. EC

Aínda que estes poden ser “malos tempos para a lírica”, como diría aquel, en Sarria están empeñados en desmentir tal mensaxe. A Asociación Cultural Ergueitos, coa colaboración do Concello de Sarria, entregou o pasado 7 de xullo o duodécimo premio Fiz Vergara Vilariño, entre a emoción de contar xa cunha ducia de premiados e o descubrimento do traballo poético de Cristina Ferreiro, titulado Abecedario póstumo, unha creación “actual e de gran coherencia reflexiva” que foi elixida entre as máis de 90 obras presentadas a concurso.

DANZA E AUDIOVISUAL PARA FESTEXAR A POESÍA

A velada celebrada na Casa da Cultura de Sarria comezou coa actuación da bailarina Amparo Novas, nun acto onde actuou de mestre de cerimonia Xerardo Quintiá, gañador da pasada edición do premio Fiz Vergara. O espíritu e a maxia da poesía do poeta louzarín que dá nome a este certame estivo presente a través dunha montaxe fotográfica e musical firmada por María Casar e Xerardo Alvaredo, auténticos piares desta iniciativa cultural.

Un momento da actuación da bailarina Amparo Novas, que deu comezo ó acto de entrega do XII Premio de Poestía Fiz Vergara Vilariño na Casa da Cultura de Sarria. EC

RITMO, COHERENCIA REFLEXIVA E ACTUALIDADE DO ABECEDARIO PÓSTUMO

Sen perder o pulso poético do evento, tres dos membros do xurado, Francisco Fernández Naval, Antía Otero e María Casar referiron polo miúdo os segredos do Abecedario póstumo de Cristina Ferreiro. Así, Francisco Naval manifestou a súa “sorpresa” pola cantidade e calidade das obras presentadas, aportando como proba de forza o “desmaio” que sentiu logo do arduo esforzo de ler e matinar sobre tan grande número de traballos dunha calidade “extraordinaria”. Naval xustificou premiar ó Abecedario póstumo de Cristina Ferreiro, que disputou o galardón nun intenso debate do xurado entre as dúas obras finalistas, “polo seu ritmo e alento, por ser unha obra unitaria aínda que integrada por poemas que tamén funcionan per se, e pola coherencia reflexiva das 33 pezas que compoñen esta obra, que mestura poemas e prosa poética”. O xurado tamén valorou este traballo por ser “actual, cando ofrece momentos poéticos visionarios co que está a suceder neste momento histórico”, e por respectar “a participación do lector nas pausas e nas suspensións do texto”, así como pola “transversalidade temática, pola presenza da chuvia como referencia constante e, en fin, polo seu carácter de tesouro asulagado”.

OBRA “TREMENDAMENTE CONTEMPORÁNEA”

Pola súa parte, Antía Otero, membro do xurado do Fiz Vergara, felicitou a Cristina Ferreiro por acadar “este premio de referencia en Galicia”, cunha “peza especial, tremendamente contemporánea”.

“CÓMPRE RECONSTRUIRNOS A TRAVÉS DA ARTE”

Asimesmo, María Casar, presidenta da Asociación Ergueitos e membro do xurado do Premio Fiz Vergara, fixo un emotivo repaso dos 12 traballos premiados ata hoxe, e dos 12 traballos que outros tantos artistas plásticos realizaron expresamente para ser entregados ó poeta gañador en cada edición. Casar aproveitou a ocasión para reivindicar o feito de escribir, xa que “escribir é expoñerse, espirse, abrirse en canal”, e a súa forza pode constituir unha defensa fronte a “tanta absurdez acumulándose na rúa”, fronte a “tanta carencia”. María Casar pechou a súa intervención con toda unha declaración de principios que pode servir de reflexión sobre a necesidade da poesía nestes tempos revoltos: “Cómpre reconstruirnos a través da arte”.

A POESÍA “ANIÑA EN CALQUER LUGAR”

Pola súa parte, Francisco Pérez, concelleiro de Cultura, felicitou á gañadora pola calidade do seu traballo, e reafirmou que “o Concello de Sarria vai seguir apoiando esta iniciativa, que cada vez ten máis sona en toda Galicia”. Cristina Ferreiro recibiu de mans de Jesús Otero-Yglesias o “obxecto poético” realizado por este artista plástico para a ocasión. Otero-Yglesias explicou que quixo facer “un obxecto sinxelo, dende o azar, mezclando a suxerencia do magnetofón coa dun niño de avespas, que aniñan en calquera lugar, como así fai a poesía”.

“TRÁXICO E APOCALÍPTICO”

A protagonista da noite, a lucense Cristina Ferreiro, agradeceu que Abecedario póstumo sexa publicado polo selo Espiral Maior, “dado o complicado que é publicar”. Ferreiro, en que 2009 dera ó prelo o seu primeiro poemario, Desequilibras e caer, calificou a Abecedario póstumo como “tráxico, mesmo apocalíptico, xa que trata o tema dunha asolagación interna, persoal e ao mesmo tempo colectiva”, cun “discurso interno, case narrativo, no que o ser humano aparece reflexado como algo completamente absurdo, agotado e mesmo prescindible, e a cidade pasa a ser unha auténtica ‘zona morta’”. Unha suxerencia que se verbaliza terriblemente nos seus versos: “Pecharon os cines,/ as librerías,/ as oficinas de correos,/ mentres nos amábamos”. Os amantes da poesía e, por que non, todos aqueles que miran o mundo con ollos sempre voraces de beleza, están de noraboa co recoñecemento de Cristina Ferreiro, quen en declaracións a este medio expresou a “grande alegría” que conleva “pasar a formar parte do Fiz Vergara, que goza de tan boa saúde”.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A zona sur de Lugo amosa o maior número de solicitudes presentadas ó Pacto polo Emprego

Seguinte Nova

Comezan as obras da nova potabilizadora de Ribasaltas

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: