• O programa Km0 da Deputación de Lugo xerou un volume de negocio de 1,5 millóns de euros dende a súa posta en marcha hai tres anos e medio •Nas 736 rutas realizadas participaron preto de 35.000 persoas de toda a provincia
Dende o mes de xullo xa se pode disfrutar os sábados das rutas que propón o programa Km0 desenvolvido pola Deputación de Lugo, que responde así ás demandas das 250 empresas colaboradoras (entre autónomos e pymes) que suxerían abrir esta actividade á fin de semana para permitir a participación a persoas que non poden dispoñer dos días de semana debido a circunstancias laborais ou persoais. Os responsables desta iniciativa provincial buscan con este novo «Km0 Fin de Semana» aproveitar aínda máis a potencialidade do medio ambiente para dinamizar a economía da provincia. Os datos rexistrados no balance do Km0 presentado recentemente pola Deputación de Lugo reflicte que as 250 empresas colaboradoras deste programa dan emprego directo a preto de 1.400 persoas vinculadas á hostelería, comercio, artesanía ou turismo, sectores estratéxicos da economía lucense. As cifras falan de que, dende a súa posta en marcha hai tres anos e medio, esta iniciativa provincial xerou un volume de negocio de preto de 1,5 millóns de euros, a través da participación de 35.000 persoas de 375 asociacións nun total de 736 rutas. Na modalidade Xtreme, con rutas de deporte e multiaventura, e incluso paseos en helicóptero, no Km0 a Compostela, con rutas vinculadas ó Camiño de Santiago, ou nos clásicos roteiros Km0 Original, esta iniciativa manterá unha ruta os martes, mércores e xoves, e incorporará unha os sábados, sobre a que se está a informar ás asociacións xuvenís e culturais da provincia.
ORGANIZACIÓN, SATISFACCIÓN DOS VISITANTES E IMAXE POSITIVA
Atraer visitantes, dar a coñecer os recunchos da nosa provincia, explicar a singularidade de cada comarca e así entender e valorar o traballo das nosas xentes son algúns dos aspectos do programa Km0 máis valorados polas empresas colaboradoras. “É unha iniciativa moi positiva”, explica Juan Luis Méndez Rojo, xerente da adega Vía Romana, de Chantada, “xa que, ademáis de demostrar moi boa organización, move moita xente”. Nesta mesma liña, Gonzalo Herrero, xerente do Bodegón Ribeira Sacra, de Monforte, califica esta iniciativa como “moi boa, o que se ve na reacción dos visitantes, que chegan encantados, reciben un trato extraordinario por parte dos guías, e cando chegan ós establecementos disfrutan coa gastronomía da Ribeira Sacra”. Tanto a adega chantadina como o restaurante monfortino colaboran co Km0 dende a súa posta en marcha, hai tres anos e medio. Bos coñecedores do funcionamento deste programa, coinciden en suxerir “a apertura ás fins de semana, xa que sería moi dinamizador para esta zona”, explica Méndez Rojo. “Que as rutas se fixeran máis días sería unha boa idea, sobre todo nas fins de semana, porque a resposta da xente é moi positiva”, indica Herrero.
COÑECER PARA PODER VALORAR
O programa Km0 oferta no sur de Lugo un total de 40 rutas, deseñadas en torno ós aspectos máis atractivos da paisaxe, a arte, as tradicións e a historia destas terras. O Camiño de Santiago; o viño de Amandi, Chantada ou Vilachá; a paisaxe dos canóns fluviais ou da montaña chantadina e quiroguesa; a historia vilega de Taboada, Portomarín ou Monforte de Lemos; e a arte das Bernardas e Pombeiro en Pantón, de Samos, ou das Clarisas na vila do Cabe son algunhas das suxerencias para os lucenses que queiran coñecer os tesouros das terras do sur. “A xente sorpréndese cando coñece como se fai o viño aquí, e cambia a súa apreciación do custe do noso viño; isto axuda a vendelo, porque así empezan a valoralo e, para as adegas, é unha estupenda publicidade”, suliña Méndez Rojo, de Via Romana. Pola súa parte, Gonzalo Herrero ten claro que traer xente e que marche contenta fala ben da nosa terra, pero é fundamental o deseño de estratexias e roteiros organizados para que isto se produza. “Penso que sen o Km0, moita xente non coñecería a Ribeira Sacra”.