Sarria acolle dous cursos do Campus de Verán da Universidade de Santiago

O desenvolvemento económico do centro-sur da provincia de Lugo a través do sector forestal, agropecuario e de servizos, e a comunicación e a saúde no Camiño de Santiago son os dous eixos sobre os que xirarán os cursos do Campus de Verán 2012 da Universidade de Santiago que se impartirán en Sarria durante o mes de xullo. O Salón de Plenos do Concello será o lugar de celebración das ponencias, aínda que ambos cursos contan cun programa de saídas por diversos puntos da comarca.

SECTOR PRIMARIO E A IMPORTANCIA DA TRANSFORMACIÓN INDUSTRIAL DOS SEUS PRODUTOS NA COMARCA DE SARRIA

Do 16 ó 19 de xullo terá lugar o primeiro dos cursos, que conta con 30 horas lectivas e está cofinanciado polo Concello de Sarria. Expertos procedentes do eido universitario, técnico e empresarial falarán sobre diversos aspectos relativos ós sectores produtivos da zona centro-sur da provincia. Así, reflexionarase sobre a ordenación do sector forestal cara a súa industrialización, a importancia da transformación industrial dos produtos do sector primario galego, os retos da gandeiría galega e a repercusión da mellora xenética nas reses. Durante os días do curso, haberá espazo para a reflexión sobre a xestión empresarial, as particularidades das empresas familiares, a responsabilidade social na empresa, e a creación de empresas e de emprego, coa análise do papel do Estado neste ámbito, e unha posta en común de accións emprendedoras para o desenvolvemento económico da comarca de Sarria. Asimesmo, no programa de actos deste curso están previstas dúas visitas a empresas da zona, cunha conferencia impartida in situ polo xerente da firma, e unha mesa redonda sobre o sector primario e a súa transformación industrial.

HISTORIADORES, MÉDICOS E XORNALISTAS FALARÁN SOBRE SAÚDE NO CAMIÑO

Como ven sendo habitual dentro da programación de verán da USC en Sarria, o Camiño de Santiago centrará un dos cursos que se impartirán na vila xacobea. Do 23 ó 28 de xullo terá lugar o curso “Camiño de Santiago, comunicación y salud”, no que participarán destacados historiadores, especialistas en diversas áreas da saúde, e xornalistas locais e especializados na temática xacobea, entre outros poñentes. A primeira xornada celebrarase no Salón de Actos do Concello de Sarria, e estará adicada á historia da atención á saúde no Camiño de Santiago, coa intervención do historiador Francisco Singul, e do profesor da Facultade de Medicina de Santiago e presidente da Real Academia de Medicina e Cirurxía, José Carro Otero. O día 24, os participantes desplazaranse a Pedrafita do Cebreiro, onde médicos e xornalistas falarán da relación entre saúde e o Camiño. O día 25 está prevista unha visita literaria e cultura a Lóuzara (Samos), coa Ruta poética de Fiz Vergara. O día 26 estará centrado na relación da farmacoloxía e o Camiño. Para o día 27 está prevista unha saída cara Samos, onde se falará das incidencias de saúde no Camiño, e realizarase un tramo ata Triacastela. O curso pecharase o día 28 con diversas ponencias.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O servizo xurídico online para mulleres e vítimas de violencia de xénero rexistrou 90 consultas no primeiro semestre deste ano

Seguinte Nova

O PP monfortino respalda a Monforte como nó loxístico europeo

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: