1,6 millóns de euros para impulsar as potencialidades da provincia de Lugo

O Goberno provincial ven de aprobar unha serie de medidas en favor do campo lucense, cun investimento de 1,6 millóns de euros procedentes fundamentalmente dos fondos da Unión Europea. Estas medidas teñen como obxectivo crear emprego, novas oportunidades económicas e combater o despoboamento demográfico que sofre a provincia.

APROVEITAR “AS CONDICIÓNS NATURAIS” DE LUGO PARA CREAR RIQUEZA

Pilar García Porto, vicevoceira do grupo socialista no organismo provincial, destacou as “verdadeiras políticas de actuación para xerar riqueza e postos de traballo” do Goberno provincial, en contraste cos “recortes antisociais e inxustos que Rajoy e Feijóo impoñén para saír da crise”. García Porto destacou que o paquete de medidas aprobado polo ente provincial busca “xerar riqueza aproveitando as condicións naturais de Lugo”.

O presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, durante a visita ás fincas que se están a recuperar coa plantación de castiñeiros a través do proxecto conxunto con Alibós. GPDL.

FORMACIÓN AGROGANDEIRA GRATUITA NO NORTE, CENTRO E SUR PROVINCIAL

García Porto explicou que son un total de seis as medidas que ven de aprobar o Goberno provincial para impulsar a economía de Lugo. Así, unha das medidas pretende xerar emprego no rural coa creación de novas empresas agropecuarias e forestais mediante asesoramento e formación gratuíta, práctica e especializada. Nesta liña, a Xunta de Goberno provincial acordou a contratación de cursos fundamentalmente práticos para un mínimo de 900 lucenses. As preto de 50 accións formativas, que os alumnos recibirán de xeito totalmente gratuíto, comezarán en outono e desenvolveranse ao longo de toda a provincia. A zona norte concentrará as xornadas sobre o sector forestal, dado que o 70% do territorio da Mariña é superficie arbolada. Pola súa parte, a zona centro da provincia acollerá as xornadas sobre gandeiría ecolóxica, coa Granxa Gayoso Castro como centro de referencia. Os responsables desta medida tiveron en conta que a zona centro da provincia rexistra preto de 1.000 explotacións gandeiras por municipio. Con respecto á zona sur, nas comarcas de Chantada e Lemos, con preto do 50% da superficie adicada ao cultivo, desenvolveranse as xornadas sobre agricultura ecolóxica, tendo como sede principal o Pazo de Tor. Unha vez completada a fase formativa, os participantes recibirán, tamén a custe cero, asesoramento para a creación dun mínimo de 15 novas empresas dentro destes sectores e emprazadas no eido rural. García Porto lembrou que “a Unión Europea nos está a permitir xerar riqueza en Lugo”, xa que esta medida se enmarca dentro do Plan Integral Agropecuario Forestal dotado con 600.000 euros, dos que 420.000 proceden de fondos comunitarios de Lug02.

POTENCIAR A CASTAÑA

Dentro da posta en valor dos recursos produtivos da provincia, o organismo provincial renovou o convenio de colaboración con Alibós para seguir desenvolvendo un proxecto pioneiro en España. Trátase dunha iniciativa que dende 2010 potencia a produción da castaña na provincia e a súa comercialización. A plantación de soutos e a recuperación de 125 hectáreas cedidas nos municipios de Antas de Ulla, Taboada, Monterroso, Guntín, Palas de Rei, Portomarín e Lugo permitiu xerar ata hoxe 13 novos postos de traballo directos no rural. Este ano ampliarase a plantación de castiñeiros a outras 100 hectáreas, o que sumará máis postos de traballo. As previsións estiman que en 15 anos a produción de castaña ronde as 400 toneladas, e en 25 anos, cando os soutos estean a máximo rendemento, superen as 800 toneladas. O 33% dos beneficios das colleitas irán para os propietarios das fincas, e a comercialización das castañas dirixirase ao exterior, sobre todo ao mercado internacional, onde acadan os mellores prezos. Esta actuación terá un investimento de 90.000 euros.

PROMOCIÓN E VENDA DE 300 PRODUTOS AUTÓCTONOS

Pola súa parte, a Xunta de Goberno provincial aprobou a contratación dun programa de potenciación dos produtos Lugo Sabe e os negocios Lug02, as marcas de calidade da Deputación que inclúen a día de hoxe un total de 40 alimentos e 20 empresas turísticas lucenses. O obxectivo desta actuación é sumar outros 125 produtos e 100 establecementos de toda a provincia. Este programa, que conta cun presuposto de 200.000 euros (dos que 140.000 son fondos da Unión Europea a través do Lug02) aumentará asimesmo os puntos de venda dos produtos Lugo Sabe, que agora son 14 en Lugo e na Coruña. Outros dos obxectivos desta iniciativa son a creación de novas rutas turísticas de corte medioambiental e gastronómico, conseguir presencia en feiras e eventos de prestixio para os produtos autóctonos, e incluso crear novas mostras gastronómicas e turísticas.

ROZA E DESBROCE DA REDE VIARIA PROVINCIAL POR PEQUENAS EMPRESAS

A mellora do contorno e das comunicacións no eido rural como xeito de potenciación económica para autónomos e PEMES lucenses é o obxectivo da adxudicación a 23 pequenas empresas dos traballos de roza e desbroce dos 4.200 quilómetros que integran a rede viaria provincial. Para esta actuación, o organismo provincial destina 561.001 euros. A Deputación xestionará a totalidade dos traballos, que comezaron a semana pasada de xeito simultáneo en todos os concellos, e deberán terse rematados nun prazo máximo dun mes. Pilar García Porto explicou que esta xestión permitirá «realizar coa máxima celeridade estas actuacións en favor da seguridade vial e a prevención de incendios, ao tempo que se potencia aos autónomos e PEMES lucenses».

REDUCIR A «FENDA TECNOLÓXICA» ENTRE O MUNDO RURAL E O URBANO

Na busca dunha «maior sensibilización» cara ao acceso ás novas tecnoloxías, e dada a «desidia da Xunta de Galicia, administración galega con plenas competencias na materia e que segue a pospoñer o acceso á banda longa», o ente provincial acordou realizar outros 30 cursos formativos e gratuítos dirixidos á cidadanía. Con estas actividades, que reforzan as desenvolvidas a través do programa Innova-TE, preténdese «salvar a desigualdade no acceso ás novas tecnoloxías entre o medio rural e o urbano». Según explicou García Porto, estes cursos serán itinerantes, desenvolvéndose por diversos concellos según as demandas de veciños e asociacións, e algún centraranse no programa In Lugo. Os cursos comezarán en setembro, e contarán cun orzamento de 90.000 euros, dos que 80.000 son fondos europeos do Plan Avanza. García Porto destacou que estas accións formativas súmanse ás 100 xa celebradas, nas que participaron preto de 1.000 persoas, así como as que se ofrecerán ás PEMES proximamente.

Monforte estreou a nova edición do «Lugoteando», o programa de ocio medioambiental para reactivar a economía lucense

Un momento do desenvolvemento do programa Lugoteando en Monforte, que aproveita a riqueza fluvial para promover o ocio medioambiental. GPDL.

A vila do Cabe inaugurou a posta en marcha da terceira edición do programa «Lugoteando», que nesta ocasión esténdese por vez primeira a toda a provincia e se prolonga de xullo a setembro. Un centenar de persoas disfrutaron das diversas actividades de lecer ecolóxico que, dentro do «Lugoteando», desenvolvéronse o sábado 21 de xullo na área fluvial do Parque dos Condes. Os participantes, de todas as idades a partir de 7 anos, puideron realizar xogos e actividades vinculadas ao medio acuático.

ÉXITO DE CONVOCATORIA

Os responsables desta iniciativa explicaron que nesta terceira edición, o «Lugoteando» repite o éxito de convocatoria dos anos anteriores, xa que nos primeiros catro días de inscripción anotáronse 150 persoas.

CALENDARIO E LOCALIDADES

As actividades desenvolveranse en Vilalba (o 28 de xullo, na área recreativa da Madalena), en Viveiro (o 18 de agosto no entorno do Club Náutico), en Foz (o 19 de agosto, na praia da Rapadoira), na Fonsagrada (o 25 de agosto, na Praza do Museo) e no río Miño ao seu paso por Lugo entre o 6 e o 9 de setembro.

ACTIVIDADES PARA DISFRUTAR DO ENTORNO FLUVIAL E COSTEIRO

As actividades acuáticas desenvólvense entre as 15 e as 20 horas, en inclúen paddle surf (que tonifica todos os músculos ao remar a bordo de tablas de surf), bolas e bananas acuáticas para flotar sobre a auga, scooters acuáticos para mergullarse como golfiños, skates eléctricos, sufr, kite surf, paseos en batuxo e canoa, e percorridos en segway (vehículo eléctrico de dúas rodas con autobalanceo controlado por ordenador). Según explican os responsables do programa, estas actividades son totalmente respectuosas co medio ambiente, e van dirixidas a todos os públicos a partir de 7 anos.

XERAR RIQUEZA A TRAVÉS DO OCIO MEDIOAMBIENTAL E O ECOTURISMO

O programa «Lugoteando» está incluído dentro das seis medidas para xerar riqueza e emprego aproveitando as condicións naturais da provincia de Lugo. Así, dende a súa posta en marcha hai dous anos, preto de 3.000 persoas redescubriron ou coñeceron por primeira vez a riqueza fluvial e litoral da provincia, con participación non só de lucenses, senón tamén de persoas procedentes doutras provincias e incluso de fóra de Galicia. Según sinalou Pilar García Porto, «poñer en valor a nosa riqueza natural supón máis ingresos para a provincia de Lugo e máis turismo», e lembrou que esta sector supón o 30% do PIB lucense. As inscripcións no programa «Lugoteando» poden facerse no teléfono 982 12 00 64 ou na web www.deputacionlugo.org.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Monforte traballa por establecerse como nodo da rede de transporte europea

Seguinte Nova

Desencontro institucional en torno aos servizos sociais

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

Ir aInicio

Don't Miss