Desencontro institucional en torno aos servizos sociais

O enfrontamento de cifras entre Xunta e Concello de Monforte pola axuda social

A polémica sobre a financiación dos servizos de axuda a domicilio en Monforte centrou a polémica política desta quincena. EC.

A primeira metade de xullo estivo protagonizada polo cruce de acusacións entre a Xunta de Galicia e o Concello de Monforte en torno á financiación do servizo de axuda a domicilio.

ARIAS ACUSA DE “MANIPULACIÓN” AO CONCELLO

O pasado 11 de xullo, a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, declaraba que o Concello de Monforte disponía “dende hai preto de dous meses” dos 90.500 euros correspondentes aos adiantos que a Xunta ingresou para financiar os servizos sociais comunitarios, en concreto “a subvención para o mantemento dos traballadores sociais e para o servizo de axuda no fogar de dependencia”, mentres que “o concepto que lle compete financiar á Deputación é unicamente o servizo de axuda no fogar básico”. Con esto, a delegada territorial cualificou de “certamente manipulador” a aseveración dos responsables do goberno local de que “a Xunta pon en perigo os servizos sociais do concello cando mantén as partidas principais”. Arias defendeu asimesmo que “o novo decreto de servizos sociais comunitarios posto en marcha pola Xunta establece o pago deste concepto trimestralmente, non tendo que esperar os concellos ao mes de outubro para cobrarlos, como o ano pasado”. Asimesmo, insistiu en que a Xunta “está adiantando parte do que lle corresponde aboar ao Concello”, e que “según os datos do pasado exercicio, a Xunta asume o 96% do investimento e a Deputación deberá asumir o 4% restante”.

ALCALDE ACUSA A ARIAS DE “TAPAR A VERDADE”

Fronte a esta acusación, o alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, reafirmouse no seu pronunciamento de días anteriores, cando declarou que “a Xunta suprimiu a súa aportación para o servizo de axuda no fogar básica, transferíndolle esta competencia ás Deputacións sen a correspondente partida económica para poder asumila”, e “poñendo en grave risco un servizo que non é competencia dos concellos e que está destinado aos máis desfavorecidos”. O rexedor local calificou as declaracións de Arias de “mal intencionadas”, para “tapar a verdade cunha cortina de fume”, xa que ditas declaracións “non se axustan á realidade”. Rodríguez explicou que os 90.500 euros aos que alude Arias corresponden ao financiamento da axuda á dependencia, “e nada teñen que ver co servizo de axuda no fogar básico nin co mantemento das traballadoras de servizos sociais”. Neste punto, Severino Rodríguez dixo que a Xunta “financia a maior parte da axuda á dependencia porque recibiu esa transferencia do Goberno central, acompañada pola correspondente partida económica”, “algo que a Xunta non fai ao transferirlle a axuda a domicilio ás Deputacións”. Rodríguez explicou que a Deputación de Lugo xa está achegando diñeiro para este servizo dende 2010. En canto ás traballadoras sociais do Concello, o Alcalde explicou que as sete traballadoras “sempre estiveron subvencionadas pola Xunta, e este ano suprimiu a subvención para catro delas”. Severino Rodríguez fixo fincapé en que “o problema está na axuda a domicilio”, servizo financiado entre a Xunta, a Deputación, o Concello e a achega dos usuarios. Según explicou o Alcalde, a aportación da Xunta neste concepto recortouse nun 50% en 2011 con respecto ao ano anterior (cando pagou a mesma cantidade que se viña ingresando dende 2005), ata reducirse a cero no 2012. De aí que o Alcalde criticara a Raquel Arias por “meter no mesmo saco” a axuda a domicilio básica e a axuda á dependencia, “sabendo que son dous servizos moi diferentes”.

RAQUEL ARIAS FALA DE “DESIDIA” NA XESTIÓN MUNICIPAL DAS PRESTACIÓNS A DEPENDENTES

Días despois destas declaracións, a delegada territorial da Xunta anunciaba que o Concello de Monforte “deixou sen cubrir” no segundo trimestre do ano o 14% das horas de prestación á persoas dependentes “que ten asignadas pola Xunta”. Raquel Arias dixo que “a desidia” do Concello nesta materia “é tal que só neste segundo trimestre deixou de prestar, e polo tanto de cobrar, 1.474 horas das 10.581 que ten asignadas”. Arias anunciou que “nos vindeiros días” o Concello recibirá 88.337 euros “correspondentes ás horas efectivamente prestadas no segundo trimestre”, que se sumarían aos máis de 90.000 euros ingresados polo primeiro trimestre para sufragar o servizo de axuda no fogar a persoas dependentes. Arias dixo que “o persoal de axuda no fogar de Monforte pode estar seguro de que non se producirá ningunha destrución de emprego atribuíble á Xunta”, xa que “en virtude da lei aprobada polo bipartito no 2008, o goberno galego ten a obriga de financiar a axuda a domicilio para os dependentes, e así o está facendo e nos comprometemos a seguilo facendo”.

Mª XOSÉ VEGA EXPLICA OS DATOS, E DI QUE “ARIAS VEN FALAR DE DEPENDENCIA PARA CONFUNDIR”

Tralas novas declaracións de Raquel Arias, a tenente de Alcalde de Monforte, Mª Xosé Vega, e a concelleira de Benestar Social, Pilar López, explicaron que en canto á axuda á dependencia “o Concello nunca planteara ningún problema ao respecto”, xa que a Xunta é quen valora o grado de dependencia dos usuarios, confecciona o catálogo de servizos e define o tipo de atención correspondente en cada caso, “e o Concello debe cumprir estas estipulacións”. En canto á axuda básica a domicilio, “aquela que reciben as persoas non dependentes e que poden valerse por si mesmas nalgunhas facetas da súa vida diaria”, Pilar López lembrou que o pasado mes de marzo “a Xunta de Galicia comunicou que non aportaría diñeiro para este servizo nin para o persoal dos servizos municipais que o xestiona aos concellos de menos de 20.000 habitantes”. López lembrou que este servizo viña financiándose polas aportacións de Xunta, Deputación, Concello e usuarios, pero que neste ano “a Xunta, despois de recortar a axuda no 2011 nun 50%, decide suprimila totalmente e, ao mesmo tempo, reduce en 60.000 euros a súa contribución para o mantemento dos contratos das traballadoras dos servizos sociais municipais”. López lembrou que a función destas traballadoras é tramitar os expedientes e as xestións necesarias “en relación ás axudas tanto básica como de dependencia”. Pola súa parte, MªXosé Vega puntualizou que “o Alcalde sempre falou da axuda básica, avalando as súas palabras con datos, pero que a delegada vén a Monforte a falar da dependencia co ánimo de confundir e de mentir”. Vega explicou que a acusación de Arias de que o Concello ten máis de mil horas de dependencia baleiras “non é certa”, xa que a delegada multiplicou por tres meses as 491 horas que aparecen recollidas no sistema informático (de uso obligatorio para rexistrar o listado de usuarios e o número de horas de prestación recibidas) e que non se facilitaron debido a que, según explicou Vega, “hai usuarios que cambian a solicitude do número de horas, e outros aos que a Xunta non lles concede o tipo de asistencia que solicitan e entón renuncian á prestación”. “Se hai horas libres é porque a Xunta dálle aos usuarios o que non queren”, puntualizou Vega.

Neste sentido, Raquel Arias dixo que “é competencia do Concello xestionar as horas de prestación”, e que “se hai usuarios que renuncian, débense sustituir por outras persoas dependentes que si queiran acceder á prestación”.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

1,6 millóns de euros para impulsar as potencialidades da provincia de Lugo

Seguinte Nova

A Escola do FC Barcelona deixa a súa pegada en Monforte

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: