O Club Natación Monforte brilla no Campionato de España
No Club Natación Monforte, o esforzo e a superación son marcas da casa. Dúas horas de nado seis días por semana e un plus de 2 horas por semana de traballo en seco (exercicios de forza para mellorar os grupos musculares) botarían para atrás a calquera, pero hai un grupo de rapaces da comarca, de 12 e 13 anos, que acuden puntualmente e dan de si o máximo para superarse día a día.
PRECISIÓN E TRABALLO
Comandados polo seu entrenador, Pablo Diéguez, asumen con entusiasmo e camaradería esta singular e dura fórmula de practicar deporte. “Baixar os tempos, desenvolver os xestos técnicos á perfección, sen erros, e controlar a respiración é o que traballamos a diario”, comenta Diéguez, consciente do seu papel de “malo da película” en aras de ofrecer aos seus nadadores o mellor entreno posible. “Tes que estar aí sempre, sen ceder, insistindo en cada movemento e en cada xesto”, explica Diéguez, “pero os rapaces entenderon moi pronto e moi ben esta filosofía de traballo e de superación, e a verdade é que entraron moi ben”.
BOA COMPETITIVIDADE
“Aínda que o espíritu de competición parece tabú, penso que é todo o contrario, debe ser a culminación de todo ese traballo tan intenso ao longo do ano”, puntualiza Diéguez, defensor, como bo deportista con gran experiencia nunha especialidade de resistencia como a natación, de que “o que traballa o consigue, ou está orgulloso de intentalo”.
VALORES HUMANOS
Esta mentalidade transmitiulla ben aos seus alumnos, “que sempre están preguntando os tempos que fixeron, como deben mellorar, que teñen que incorporar en cada momento”, “e con esta mentalidade non faltan nin un día, canto máis nadan, ven que melloran e iso os deixa moi satisfeitos”. Aínda que a natación é un deporte moi individual, “entre os membros do equipo lévanse moi ben, son amigos, divírtense e se apoian entre eles para acadar os seus obxectivos”.
CANTEIRA DE CAMPIÓNS
Extraordinarios foron os resultados no Campeonato de España celebrado en Cádiz a comezos de xullo: Pablo Valcárce Domínguez (medalla de ouro en 200 m espalda, e de bronce en 4×100 relevos, e dous récords galegos), Uxía García Rodríguez (medalla de plata en 4×200 relevos, e de bronce en 4×100 libres relevos), Iago Casar Cocheteux (dous records galegos, e 4ª posición en 200 m braza e 400 m estilos), Patricia González Blanco (14ª posición en 200 m estilos, e 18ª posición en 400 m estilos) e Sandra Suñer Díaz (23ª posición en 400 m estilos, e 31ª posición en 800 m libres). Un equipo campión que seguirá a darnos moi boas noticias.
FALAN OS PROTAGONISTAS
PABLO VALCÁRCE DOMÍNGUEZ
Despois de traballar tan duro durante todo o ano, como te sintes ó acadar esta medalla no campeonato de España?
Moi contento, é a máxima recompensa que se pode acadar despois do entreno diario de varios anos, e ademais de ter que compaxinalo cos estudos.
Por que te decidiches a practicar natación a nivel competición?
Porque me gusta nadar, e como tiña bos resultados cando había algún trofeo e ía mellorando cada día, pois entrei no Clube de Natación e así prepararme para competir.
Que aspecto ou momento de todo o proceso do entreno che gusta máis (aparte de conseguir medalla, claro)?
Pois cando a diario o entrenador me toma os tempos e me di que o fixen ben.
Recomendarías aos amigos que practicaran natación a nivel competición? Por que? Que crees que aporta esta actividade?
Si, porque é un deporte moi completo, apórtame moitos amigos, temos moi bo ambiente no Clube, facemos saídas, concentracións, etc., onde coñecemos moita xente e hai moitos momentos divertidos.
Se queres destacar algún aspecto…
Pois darlle as grazas ao meu entrenador, Pablo, que sin el non podería chegar a ser campión de España, conseguir o bronce de relevos nin os dous récords galegos, e tamén a todos os pais que nos acompañan e animan sempre nas competicións.
UXÍA GARCÍA RODRÍGUEZ
Despois de traballar tan duro durante todo o ano, como te sintes ó acadar esta medalla no campeonato de España?
Moi contenta. O esforzo vale a pena, son momentos inolvidables.
Por que te decidiches a practicar natación a nivel competición?
Desde que teño 5 anos vou á piscina, sempre me gustou nadar, e desde que entrei no Clube encontreime a gusto e seguín perfeccionando para ter mellores resultados.
Que aspecto ou momento de todo o proceso do entreno che gusta máis (aparte de conseguir medalla, claro)?
Pois os bos momentos e a convivencia cos meus compañeiros.
Recomendarías aos amigos que practicaran natación a nivel competición? Por que? Que crees que aporta esta actividade?
Si, porque aparte do entreno e de ser un deporte moi sano, fanse moitas amistades, coñecemos sitios novos e pasámolo ben.
Se queres destacar algún aspecto…
Agradecer ao meu entrenador, aos pais e compañeiros todo o apoio que me dan.
IAGO CASAR COCHETEUX
Despois de traballar tan duro durante todo o ano, como te sintes despois de participar no campeonato de España?
Non conseguín ningunha medalla, pero síntome satisfeito por ter superado dous récords galegos nesta competición. Xa superara outro antes, pero non o validaron por non facelo con marcador electrónico.
Por que te decidiches a practicar natación a nivel competición?
Porque me gusta moito a natación e quería medirme con outros para poder mellorar.
Que aspecto ou momento de todo o proceso do entreno che gusta máis?
Gústame cando entrenamos aeróbico 2.
Recomendarías aos amigos que practicaran natación a nivel competición? Por que?Que crees que aporta esta actividade?
Sí, porque é un deporte moi completo e axuda a que te desarrolles. Ademais, se son persoas moi competitivas, é o deporte adecuado.
Se queres destacar algún aspecto…
Eu creo que as competicións son moi divertidas e coñeces a rapaces doutros lados cos que logo mantemos o contacto.