A Área de Deportes da Deputación de Lugo aprobou as subvencións de deporte en concorrencia competitiva por valor de 630.000 euros destinadas aos concellos e a asociacións deportivas. O obxectivo destas axudas busca apoiar a promoción e organización de actividades deportivas, tanto competitivas como non competitivas, así como aportar fondos a mellora de instalacións e equipamentos e material deportivo no caso dos concellos.
MÁIS SOLICITUDES
Antonio Veiga, vicepresidente do ente provincial e responsable da Área de Deportes, destacou o incremento do número de solicitudes recibidas desde os concellos e desde os clubs deportivos con respecto ó ano pasado. “A pesar de dito incremento, os 67 concellos da provincia recibirán esta axuda, ben sexa con carácter anual ou para a realización dalgún evento concreto, cun total de 130.000 euros en axudas”, explicou Veiga. O incremento foi significativo sobre todo nos clubes deportivos, que de 520 axudas en 2011 pasaron a 602 en 2012, e que recibirán en total 500.000 euros este ano. Veiga explicou este incremento das solicitudes “polo retraso da Xunta en convocar axudas, e incluso por saltarse convocatorias”, e “pola confianza dos clube no apoio da Deputación”. Antonio Veiga destacou que “segundo un informe anual que elabora a revista “Deportistas” a Deputación de Lugo é, exceptuando os cabildos insulares e as deputacións forais, cun réxime orzamentario diferente, a Deputación do Estado que máis inviste en deporte por habitante”.