Lectura, actividades acuáticas e obradoiros para todas as idades no verán de Sober

Dende o 30 de xuño está en marcha a campaña estival nas piscinas municipais de Sober, un complexo que conta con tres cubos de baño, zona deportiva, cafetería e zona de recreo, ademais dun parque biosaludable. Este punto de encontro e de lecer a nivel comarcal, aberto dende a unha da tarde ata as nove da noite, está a acoller un amplo número de actividades complementarias, vinculadas tanto a actividades acuáticas como ao tempo libre en xeral.

As piscinas de Sober son un importante centro de actividade social e de lecer para toda a comarca de Lemos. EC.

AQUAGYM E BIBLIOPISCINA

Así, desenvólvense cursos de natación para nenos e nenas, e tamén para adultos, e unha actividade de aquagym cada mércores ás 16 horas. A piscina convertirase nun lugar de lectura grazas á iniciativa Bibliopiscina, pola que os aficionados ós libros poderán disfrutar, de balde e a pé de auga, dunha selección de títulos procedentes da biblioteca municipal. A Bibliopiscina estará operativa de luns a venres en horario de tarde.

FESTA ACUÁTICA CON INCHABLES

O vindeiro 2 de agosto, as piscinas municipais de Sober acollerán unha festa acuática con inchables, actividade incluida na Axenda Cultural que o Concello deseñou para a temporada estival. Nestas instalacións tivo lugar o pasado 7 de xullo o obradoiro “Ponlle as pilas ao teu bocata”, onde rapaces e rapazas disfrutaron preparando bocadillos saudables e degustando as súas propias creacións.

OBRADOIROS INFANTÍS E DE RISOTERAPIA

Máis aló das actividades acuáticas, os máis cativos poderán disfrutar de obradoiros infantís todos os xoves do verán a partir das 19 horas. Para os adultos está deseñado un obradoiro de risoterapia, que se celebra os venres ás 19 horas. Os interesados en participar en calquera das actividades desenvolvidas no complexo de Centeás deberán anotarse previamente nas instalacións da piscina ou no Centro Sociocultural de Sober.

A biblioteca de Sober deseñou para este verán o programa “Lecturas para todos”. Arquivo EC.

“LECTURAS PARA TODOS”

Pola súa banda, a Biblioteca Municipal de Sober segue a traballar no verán a prol do fomento da lectura, tratando de achegar este hábito de ocio e formación ao máis amplo abano de público. Así, pon en marcha nos meses de xullo e agosto un novo programa de lecturas para o verán baixo o titulo de “Lecturas para Todos”. Unha coidada selección de títulos é a proposta da Biblioteca Municipal, que inclúe propostas de poesia e teatro xuvenil, libros de coñecemento infantís e xuvenís, e lecturas destinadas a rapaces por bandas de idade (menores de 6 anos, de 6 a 8 anos, de 8 a 10 anos, e de 10 a 12 anos), así como obras destinadas a mozos e adultos, con autores como Xoán Neira, Antonio Machado, Ánxel Fole ou Nelson Mandela, entre outros. Asimesmo, ofrece tamén títulos de banda deseñada para nenos e adultos.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Chantada estrea tenda rural cunha nova imaxe corporativa no complexo de ICOS

Seguinte Nova

Sober segue a traballar polo medio ambiente e a sostibilidade

Últimas noticias sobre CULTURA

A %d blogueros les gusta esto: