A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, visitou as obras de reforma e acondicionamento do edificio administrativo do antigo Hospital Xeral de Lugo, que en breve permitirán acoller nun centro propio do Sergas os dispositivos asistenciais de Saúde Mental que, ata o de agora, se atopaban no Hospital de San José. Mosquera informou de que as novas dependencias sanitarias podan empezar a funcionar en poucas semanas.
UNIFICACIÓN DOS SERVIZOS DE SAÚDE MENTAL NUN MESMO EDIFICIO
O edificio administrativo do Hospital Xeral foi reformado para adaptar os seus espazos ás novas necesidades asistenciais para as que está destinado. As súas instalacións, cunha superficie aproximada de 1.000 metros cadrados, albergarán o Centro de Día de Psiquiatría, actualmente emprazado no Hospital de San José, e dúas Unidades de Saúde Mental, unha das cales se atopa actualmente no Hospital de San José e outra no Centro de Especialidades da Praza do Ferrol, co que se unificará nun só centro do Sergas estes dispositivos asistenciais, o que “permitirá unha mellor asistencia aos pacientes e unha xestión mais eficiente”, según explicaron os xestores sanitarios.
“ATENCIÓN DE CALIDADE”
A titular de Sanidade do Goberno galego explicou que os traballos levados a cabo no edificio permitirán “proporcionar unha atención de calidade aos usuarios, en condicións óptimas de confortabilidade e seguridade, tanto para os pacientes coma para os profesionais que nel traballan”. A consellería de Sanidade investiu nestas obras preto de 160.000 euros. Os responsables de Sanidade puntualizaron que, deste xeito, e unha vez realizado o traslado ó centro de Calde dos pacientes do hospital psiquiatrico de San Rafael, conclúe a integración destes pacientes no Complexo Hospitalario de Lugo”, o que constitúe “unha actuación máis da Conselleria e do Sergas na loita contra a estigmatización deste tipo de enfermos”.
“DOTAR ÓS LUCENSES DE INSTALACIÓNS E ASISTENCIA DE CALIDADE”
Tras visitar as obras de reforma deste centro, a conselleira de Sanidade amosou a súa “satisfacción” polo traballo realizado “para dotar a Lugo dunha asistencia sanitaria de calidade e de instalacións sanitarias de último nivel”, e recalcou que “os lucenses poden sentirse orgullos dos servizos sanitarios cos que contan e polos que seguiremos a traballar día tras día”.