O Goberno provincial levará ao Pleno unha proposta en contra dos novos axustes do Executivo central

O Goberno provincial denuncia o “efecto devastador” da suba do IVE e o “deterioro considerable” da Educación

O próximo Pleno da Deputación debatirá unha proposta do Executivo provincial en contra dos novos recortes do Goberno de Rajoy. GPDL.

O Goberno provincial presentará no vindeiro Pleno unha proposta en contra dos “dramáticos” recortes aprobados polo Executivo de Mariano Rajoy, “e que atentan contra os servizos básicos dos cidadáns e do Estado do Benestar”. O texto da proposta considera que estas medidas “certifican o xiro do programa electoral” de Rajoy, ao aprobar a suba do IVE, e os recortes nas prestacións por desemprego, na Lei de Dependencia, na Educación Pública e na Sanidade. A vicepresidenta segunda, Lara Méndez, explicou que “non podemos quedarons quedos ante unhas medidas coas que Rajoy e Feijóo castigan pola crise a todos os cidadáns de a pé, mentres premian aos defraudadores cunha amnistía fiscal, e non piden nin un mínimo esforzo ás grandes fortunas”.

PERSPECTIVAS “DE POBREZA E DUN FUTURO SEN ESPERANZA”

Asimesmo, Lara Méndez sentenciou que “o Goberno provincial non vai quedar cos brazos cruzados mentres Rajoy impón á inmensa maioría dos cidadáns pobreza e un futuro sen esperanza para eles e para os seus fillos a cambio de nada xa que tampouco vai cumprir coa súa obsesión de reducir o déficit, a nosa economía non vai medrar e tampouco se vai crear emprego”.

“EFECTO DEVASTADOR” DA SUBA DO IVE EN LUGO

O texto da proposta explica que a subida do IVE suporá “un efecto claramente devastador para a economía lucense”, apoiada sobre todo no emprego público (un 27% dos traballadores en activo traballan na Administración), o comercio e a hostelería. Según estimacións do Goberno provincial, o IVE xeral en Lugo subirá en torno a 15,5 millóns, mentres que o reducido incrementarase en máis de 21 millóns, “o que empobrecerá aínda máis a economía dos cidadáns”, cun impacto económico “tres veces maior no sector agropecuario”, xa que os gandeiros lucenses “terán que asumir a alza do IVE pero tamén facer fronte á suba de servizos executados por terceiros como os veterinarios, cuxa tasa pasará do 8% ao 21%”.

RECORTES EN DEPENDENCIA

Dende o Goberno provincial denuncian os efectos dos recortes na Dependencia sobre os case 120.000 pensionistas existentes na provincia, “que cobran entre 600 e 500 euros”. Méndez explicou que a suba do IVE supón para este colectivo “xa a cuarta baixada das súas pensións por parte do Partido Popular”, unha vez que se aprobou “una segunda suba de impostos, os recortes na Lei de Dependencia e o copago en mediciñas e sanidade”. Así, a prestación por coidador redúcese nun 15%, unha media de 60 euros ao mes.

“DETERIORO CONSIDERABLE” DA EDUCACIÓN

A proposta que o Goberno provincial levará ao Pleno alerta sobre “o deterioro considerable” que sufrirá a Educación pública, sobre todo en zonas como a Montaña lucense, onde as familias crearon unha plataforma para loitar contra a eliminación de unidades escolares e de prazas de mestre “que planea levar a cabo a Xunta a partir de setembro”. A proposta lembra que “dende que Feijóo é presidente da Xunta, hai 1.100 docentes menos en Galicia, 600 millóns de euros menos en orzamento para Educación, 4.000 rapaces sen praza en gardería, desaparece o pioneiro programa Preescolar na Casa, e os universitarios quedan sen bolsas de estudos”. A proposta insta ao Goberno central a “reconsiderar os drásticos recortes contra o Estado do Benestar, e a impulsar novas medidas que reactiven a economía”. Asimesmo, esíxelle á Xunta “que rexeite os recortes impostos polo Presidente do Goberno como fixeron outras Comunidades”.

“Novas fórmulas para non recortar servizos” e mellorar a seguridade na rede viaria provincial

O Plan de Rebacheo ten xa rematados os traballos en case o 60% da rede viaria provincial, logo de que o operativo despregado polo ente provincial supervisara os 2.500 quilómetros de vías da súa titularidade en 38 municipios, que na zona sur de Lugo inclúen Samos, O Incio, Ribas do Sil, Quiroga, Bóveda, A Pobra do Brollón, Sober, Pantón e Monforte de Lemos. Nos vindeiros días, o organismo provincial seguirá con estas actuacións nos municipios de Portomarín, O Páramo, Sarria, Paradela, Triacastela, O Saviñao, Chantada e Carballedo.

SUPERVISIÓN DE 4.200 KMS DE VÍAS

O Plan de Rebacheo posto en marcha pola Deputación de Lugo consiste no acondicionamento con rego asfáltico de todos os puntos da rede viaria provincial que o necesiten. Para realizar a cobertura destes traballos en dita rede, a máis extensa de España con máis de 4.200 quilómetros, desplegouse un operativo composto por 50 operarios e 32 máquinas, que están a supervisar a totalidade da rede viaria e actuando nos puntos que o necesiten.

OPTIMIZACIÓN DE RECURSOS

Os responsables provinciais estiman que en mes e medio estarán rematados estes traballos, permitindo calcular o seu custe total unha vez constatado o número de puntos quilométricos nos que se tivo que actuar. Unha vez que xa se tiña mellorado con aglomerado en quente un total de 1.000 quilómetros da rede provincial, logrando un bo estado da vía para un prazo de 10 anos, finalmente o número máximo de quilómetros sobre os que intervir sería de 3.200. “Ao ter realizado a contratación conxunta de 8 empresas adxudicatarias según as 8 zonas nas que se dividiu a rede viaria provincial, podemos acordar prezos máis vantaxosos, aforrando custes ao tempo que mantemos en condicións as nosas estradas”, comento Manuel Martínez, deputado de Xestión Territorial. Martínez aproveitou para criticar que “mentres a Xunta ten paralizado dende 2009 o proceso de transferencias de estradas, a Deputación optimiza os seus recursos, reducindo custes e mantendo as prestacións”.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Imaxes para a Historia

Seguinte Nova

San Fiz de Cangas acollerá o V Torneo de Birlos

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: