Turismo e hostelería, “os máis perxudicados” pola subida do IVE

Os responsables de Turismo da provincia temen o impacto destes axustes na actividade económica de Lugo

O turismo e a hostelería supoñen unha porcentaxe importante da actividade económica da área do sur de Lugo, tanto polos territorios vinculados ao Camiño de Santiago como aos municipios pertencentes á Ribeira Sacra. Arquivo EC.

As medidas de axuste aprobadas polo Goberno central están recibindo unha intensa réplica dende diversos frentes. Dende o Goberno provincial de Lugo, as críticas ó aumento do IVE e á supresión da paga extra de Nadal ós funcionarios centrou a crítica política dende os cargos nacionalistas. Así, o delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, Mario Outeiro, denunciou que as medidas de recorte aprobadas polo Goberno do Estado “son perfectas para non saír da crise; están especialmente deseñadas para que a crise a paguen os autónomos, os funcionarios e os desempregados, e para profundizar nas diferenzas entre os cidadáns”.

ANUNCIO “INOPORTUNO” EN PLENA TEMPORADA ALTA DO TURISMO

Outeiro fixo fincapé na repercusión que a subida do IVE vai ter no sector turístico, “un dos que máis aporta ao Produto Interior Bruto español”, e calificou de “inoportuna” esta medida, anunciada “en plena temporada alta, o que podería causar cancelacións ou intranquilidade entre posibles visitantes nesta mesma campaña de verán”.

A ELIMINACIÓN DA “EXTRA” DOS FUNCIONARIOS AFUNDIRÁ A CAMPAÑA DE NADAL NO SECTOR SERVIZOS

Outeiro salientou que “o sector servizos será dos máis afectados pola suba do IVE e a retirada da paga extra de Nadal dos funcionarios”, medida que “rematará por sepultar ao sector servizos, en canto a campaña de Nadal era unha das máis fortes de todo o ano e que permitía a moitos negocios aguantar o resto do exercicio; sobre todo en cidades como Lugo, na que os empregados públicos supoñen máis do 27% dos traballadores en activo”.

MÁIS IMPOSTOS AOS AUTÓNOMOS

Fronte estas políticas de recorte, “que van potenciar a economía somerxida”, o delegado de Turismo da Deputación dixo que “son precisas outras de incentivo aos emprendedores e os autónomos que son os que crean riqueza e que, sen embargo, son outros dos colectivos máis atacados polas políticas do Goberno do Partido Popular tras a decisión de elevar os módulos dos autónomos, en concreto, no réxime especial de recargo de equivalencia, obrigatorio para comerciantes autónomos que venden a un cliente final”.

EMPOBRECEMENTO DO PAÍS E IMPUNIDADE DOS “AUTÉNTICOS CAUSANTES DA CRISE”

Pola súa parte, o vicepresidente da Deputación de Lugo e responsable da área de Benestar Social, Antonio Veiga, quixo amosar o seu “apoio a todas as mobilizacións sociais e ás protestas das persoas na rúa fronte aos recortes que vai a realizar o goberno do Estado”. Veiga calificou as medidas do Executivo de Rajoy como “un golpe de Estado co que se atraca ao pobo, se empobrece ao país e se deixa impunes aos auténticos causantes da crise económica e financeira que padece España”.

MEDIDAS “SOCIALMENTE INXUSTAS E TAMÉN ANTIECONÓMICAS”

Segundo os datos aportados dende o Goberno provincial, o aumento do IVE suporá unha media de entre 415 e 600 euros máis de gasto para as familias, e tan só en Galicia hai máis de 82.800 fogares con todos os membros da unidade familiar en paro que, ademais, verán reducida a súa prestación por desemprego. “Quizais Rajoy debería explicar a estas familias como afrontar este gasto, porque moitas non o poderán facer. A suba do IVE, a eliminación dunha paga extra para os funcionarios e o aumento da xornada laboral, a redución das prestacións de desemprego, e eventualmente a supresión de concellos de menos de 5.000 habitantes, ademais de seren socialmente inxustas son tamén anti-económicas e agravarán a crise”.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Axudas aos concellos do sur de Lugo para frear o abandono escolar

Seguinte Nova

Pantón, punto de partida do Viñobús nos domingos do verán

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

Ir aInicio

Don't Miss