O irmandamento entre Sarria e Guerlèdan achegará aínda máis as dúas poboacións coa viaxe que realizarán á vila francesa un grupo de 37 sarriáns entre o 2 e o 9 de agosto. Según explicou Elvira Vila, presidenta da Asociación Irmandade Sarria-Guerlèdan, os participantes desenvolverán actividades vinculadas coa natureza e a cultura, dada a vinculación desta viaxe co programa medioambiental Reserva da Biosfera-Terras do Miño da Deputación de Lugo, institución colaboradora con esta iniciativa. Os participantes serán acollidos por familias voluntarias do irmandamento, e a Asociación Comité de Jumelage ten preparados para o grupo de visitantes sarriáns unha chea de actividades.
BIODIVERSIDADE E MÚSICA TRADICIONAL
Elvira Vila explicou que a primeira etapa da viaxe ten como destino Burdeos, para chegar a Mûr de Bretagne na tarde do día seguinte. O sábado 4 de agosto visitarán o Parque Rexional nas montañas Arreé, e realizarase unha posta en común sobre a protección da biodiversidade, a conservación de zonas naturais, e o desmantelamento da central nuclear de Saint Michel de Braspart. Logo desta cita medioambiental, na noite do sábado os sarriáns participarán no Fest Noz (Festa da Noite), festival tradicional con grupos de danza, cantos a cappella e música en directo. En representación da provincia de Lugo actuará o grupo Irimia Cantareiras.
ENVELLECEMENTO E ENERXÍAS RENOVABLES
Xa o domingo, os visitantes participarán na conferencia-debate “A política local no centro das decisións europeas”, visitarán un mercado ecolóxico e o Festival Intercelta de Lorient. O luns visitarán Mont Saint-Michel e a fábrica de enerxía maremotriz de Rance, así como o casco histórico das vilas de Saint-Malo e Dinan. O día antes do regreso, o grupo de visitantes escoitarán a conferencia “Envellecemento activo”, a cargo dun representante da Universidade de Tempo Libre de Loudéac, quen falará das accións desenvolvidas na Bretaña para un envellecemento activo e as relacións interxeracionais. Os visitantes sarriáns entregarán como obsequio ao Concello e Asociación do Irmandamento de Guerlèdan un un libro con fotos de temática medioambiental dos sete municipios da comarca. Un grupo de viaxeiros acordaron desenvolver clases de francés para familiarizarse co idioma antes da partida. As clases comezaron o 6 de xullo no antigo Cárcere.