21 ANOS CELEBRANDO A MOSTRA DO MEL DE QUIROGA

A Mostra do Mel de Quiroga acada a súa XXI edición. EC.

O vindeiro 10 de agosto, Quiroga celebra a XXI Mostra do Mel, coa participación dunha decena de apicultores e produtores. Logo do sorteo de postos o día 8, a Mostra inaugurarase o venres 10 de agosto ás 11 da mañá no recinto feiral, e estará aberta durante toda a xornada, ofrecendo aos visitantes as mellores referencias de mel de Quiroga e doutros produtos da zona.

TRABALLO DA LÁ DE OVELLA EN DIRECTO

Como novidade, este ano a Mostra contará cun fiadeiro tradicional de lá, que amosará esta técnica de produción artesanal dende as 11,30 ata as 13,30 horas. Segundo explicaron os responsables municipais, esta actividade dá así a coñecer ao público unha actividade de gran tradición na comarca de Quiroga. No fiadeiro poderán verse en directo diversos traballos relacionados co traballo da lá de ovella para obter fío para tecer, como o cardado, o fiado ao fuso e a roca, o torcido, o tecido con agullas e o tecido dos flecos para a decoración. Vinculado a esta actividade, o día 9 inaugúrase no Museo Etnográfico unha mostra cos traballos realizados polo alumnado do curso de Tecido Tradicional, no que participaron durante tres meses un total de 17 mulleres da comarca.

A MÚSICA, PROTAGONISTA

Precisamente, esta exposición de traballos de tecido dará comezo ás Festas do Verán, que se prolongarán ata o día 12. O 9 de agosto terá lugar a VII Festa da Comunidade de Montes da Conchada, coa actuación do dúo Fondo Tropical. O venres 10 comezará cos habituais pasarrúas, e a música volverá ás 23 horas dentro do programa Música na Rúa, con actuacións no Bar Lago, Cafetería Quiroga e Bodegón Andaluza. Segue a música á media noite, coa Festa da Xuventude, onde actuarán os grupos locais Lethal Chains, Utopía e +Iva. O sábado 11 iniciarase cos pasarrúas e a actuación do Grupo de Danza e Banda de Gaitas San Martiño de Quiroga, e a música volverá á media noite co concerto de A Roda. O domingo 12, a Banda de Música de Antas de Ulla ofrecerá os pasarrúas, e a partir da unha da tarde un concerto.

GRAN VERBENA O DOMINGO

Unha festa popular a partir das 21,30 horas e a gran verbena coa orquestra La Bámbola e o grupo La Oca poñerá fin ás Festas do Verán de Quiroga.

PREMIOS DE FOTOGRAFÍA.

Aura Pachecho Velásquez gañou o premio do concurso de fotografía “Quiroga. E ti como a ves?” coa foto “Entre lusco e fusco”. A entrega dos premios a todos os participantes realizarase o venres 10 de agosto a partir das doce e media da noite, ao comezo da Festa da Xuventude.

ARTE NA RÚA.

O sábado 11 de agosto, ás 19 horas, comezará o IV Concurso Pinta con Xiz no Chan.

• PARA OS MÁIS CATIVOS.

Na tarde do sábado día 11, a Praza de España acollerá unha Festa Infantil, a partir das 20 horas. O domingo 12 ás 20 horas, haberá un espectáculo de Maxia Infantil na Praza de España.

• FESTA POPULAR.

O mesmo sábado e dende as 22 horas, haberá unha Festa popular amenizada polo Grupo Limón.

DEPORTE NAS FESTAS

• FÚTBOL SALA INFANTIL E SENIOR.

Dende o luns 6 de agosto ata o venres 10 estase a disputar o Torneo Festas do Verán de Fútbol Sala nas modalidades de infantil e senior. Os partidos xóganse no Pavillón Polideportivo Municipal, ás sete da tarde. As finais serán o venres 10 de agosto ás 21 horas.

• BALONCESTO 3 X 3.

O sábado 11 de agosto terá lugar o Torneo de Baloncesto 3×3 no Pavillón Municipal a partir das 19 horas.

• FÚTBOL.

O domingo 12 de agosto ás 19 horas celebrarase o IV Trofeo Joyería Zafiro que enfrontará á S.D.Sarriana e o Quiroga F.C. no campo de San Martiño. Este partido servirá de presentación da plantilla do Quiroga F.C. que xogará a tempada 2012-2013.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O CCU de Monforte recupera a tradición da Feira de Mostras

Seguinte Nova

Medir o tempo con imaxinación

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

     
A %d blogueros les gusta esto: