A Deputación de Lugo interpón un contencioso contra a Xunta de Galicia por suprimir as Axudas no Fogar a 3.000 lucenses

O Pleno provincial aprobou, co voto en contra do Partido Popular, este recurso, que se basa nas “graves infraccións legais” acometidas pola aprobación unilateral por parte da Xunta de Galicia do Decreto 99/2012

O Pleno da Deputación de Lugo celebrado o 31 de xullo aprobou, co voto en contra do Partido Popular, interpoñer un recurso contencioso á Xunta de Galicia debido “ás graves infraccións legais” acometidas pola aprobación “unilateral” do Decreto 99/2012. Según explicaron os responsables provinciais, “en virtude deste Decreto, o Goberno galego recorta a cero euros a achega autonómica das Axudas no Fogar para persoas á espera de ser recoñecidas como dependentes nos nosos Concellos de menos de 20.000 habitantes, que en Lugo suman 3.000 persoas”. Pola súa parte, o Goberno provincial suliñou que “fronte a esta actitude da Xunta de Galicia, a Deputación de Lugo incrementou ata os 600.000 euros a aportación para este concepto”.

INFRACCIÓNS LEGAIS NA FORMA DO DECRETO

Con anterioridade á presentación deste recurso, e para evitar chegar a dita situación, o Goberno provincial presentou no mes de maio un requerimento á Xunta de Galicia “esixíndolle a derogación do Decreto 99/2012 polo que se regulan os Servizos Sociais Comunitarios e o seu financiamento”, baseándose “nas claras infraccións legais acometidas polo Partido Popular tanto na forma como no contido”. Segundo explicou o deputado de Cooperación e Asistencia aos Concellos, Juan José Díaz Valiño, cando se presentou dito requerimento, este Decreto “é unha chapuza administrativa”, no que os servizos xurídicos do organismo provincial detectaron ata tres infraccións de forma. Así, argumentan que o Goberno galego “aprobou este Decreto sen informe previo e preceptivo da Asesoría Xurídica Xeral, co que incumpriu o artigo 43 da Lei 16/2010 de Organización e Funcionamento da Administración e do Sector público autonomico de Galicia (LOFASGA)”. Asimesmo, a omisión deste trámite provocou, según os responsables provinciais, “que o ditame do Consello Consultivo de Galicia fose parcial e non abarcase a totalidade dos aspectos que comprende o Decretazo”. Díaz Valiño explicou que “isto podería subsanarse, iniciando de novo o procedemento para realizar os trámites aludidos, feito que non se produciu”. Por último, Díaz Valiño precisou que a Xunta “non realizou o esencial trámite de audiencia, é dicir, non buscou o consenso das administracións afectadas polas novas obrigas que o Decretazo lles impón, como son os Concellos e as Deputacións”.

INFRACCIÓNS LEGAIS NO CONTIDO DO DECRETO

Pola súa parte, o Vicepresidente provincial, Antonio Veiga, explicou que en virtude da Lei 13/2008 de Servizos Sociais de Galicia, a Xunta de Galicia concedeu na provincia en 2010 un total de 1.100.000 euros para as Axudas no Fogar, e 459.000 euros no 2011, polo que “cando agora o Partido Popular se amarra a esta mesma Lei para suprimir estas axudas, preguntámonos se naquel momento a Xunta estaba a prevaricar”. Asimesmo, Veiga sinalou que o Goberno galego infrinxe o artido 53 da Lei de Servizos Sociais de Galicia ao suprimir o financiamento autonómico das Axudas no Fogar para persoas non recoñecidas como dependentes nos Concellos de menos de 20.000 habitantes, artigo polo que se obriga á Xunta a “aprobar nos presupostos xerais as cantidades necesarias para facer fronte ao cumprimento dos gastos derivados do exercicio das competencias da Xunta de Galicia en materia de servizos sociais”. O artigo especifica que “a atribución ás entidades locais deberá ir acompañada da transferencia dos medios económicos, materiais e persoais que resulten necesarios para o axeitado exercicio das mesmas”. Veiga puntualiza ademais que o artigo 63 de dita Lei alude á responsabilidade das Deputacións nesta materia, “que cumprimos escrupulosamente”, e que establece que “as Deputacións proporcionarán asistencia económica, técnica e xurídica aos Concellos con menos de 20.000 habitantes en materia de servizos sociais de conformidade co previsto na normativa de réxime local”, que á súa vez di que “a asistencia económica das Deputacións, coa única excepción dos Plans provinciais de cooperación de obras e servizos, sexa a subvención”.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Un ano de Tren Turístico dando a coñecer a paisaxe de Amandi

Seguinte Nova

O PsdeG- PSOE presentou aos novos Secretarios Xerais da comarca de Lemos

Últimas noticias sobre POLÍTICA LOCAL

A %d blogueros les gusta esto: