O Concello de Pantón ven dando continuidade ao longo dos meses aos actos de celebración da Rota do Románico, que este ano acadou o seu primer cuarto de século. Así, os responsables municipais están traballando nun programa para o mes de agosto, que pretende aglutinar natureza, paisaxe, urbanismo rural e cultura coa celebración dunha conferencia, aínda por concretar, e dúas rutas de sendeirismo.

RUTAS DE SENDEIRISMO DIURNA E NOCTURNA
As terras de Castillón e a súa faciana arquitectónica polas parroquias de San Vicente e Santiago serán as protagonistas da ruta diurna, mentres que a ruta nocturna desenvolverase a través dunha subida a Pena Pombeira.
DAR A COÑECER O ROMÁNICO AOS VISITANTES DE AGOSTO
Os responsables destas actividades buscan dar continuidade aos actos vinculados á exaltación do románico de Pantón, nun momento do ano onde se rexistra maior afluencia de visitantes e de retornados á comarca.

TRABALLOS DAS MULLERES RURAIS
A partir do 15 de agosto, e durante as Festas de Ferreira, o Edificio Sociocultural de Pantón acollerá a exposición das obras realizadas polas mulleres rurais. Estes traballos consisten en pinturas, traballos en bolillo, tecidos e outras técnicas artesanais.
FOTOGRAFÍAS DE RAJAM VARADAM
Na primeira quincena de agosto estarán expostas no Edificio Sociocultural as fotografías realizadas por Rajam Varadam, enxeñeiro mecánico nacido no sur da India, formado en Estados Unidos e que dende hai un tempo vive en Trasulce (Tuiriz).
PANTÓN, ÚNICA OFICINA DE TURISMO ABERTA EN HORARIO CONTINUO
De luns a venres, a Oficina de Turismo abre no verán de 9 a 20 horas, e os sábados de 10 a 14 horas. O servizo de internet rural abre de 10 a 20 horas.