Arrancan en Monforte os cursos da segunda fase do Pacto Provincial polo Emprego

O programa provincial ofrece cursos remunerados a desempregados

Os participantes no curso Atención Especializada para Enfermos de Alzheimer siguen as explicacións da formadora na aula que a Conferencia Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) dispón para estas actividades na nave de Agora, no Polígono Industrial do Reboredo en Monforte. EC.

Un total de 65 persoas comezaron nestes días o módulo teórico dos primeiros cursos integrados no Pacto Provincial polo Emprego, unha iniciativa que a Deputación de Lugo pon en marcha por segunda vez co obxectivo de abrir novas oportunidades de inserción laboral para os lucenses en situación de desemprego. Un total de 115 persoas procedentes da zona sur participarán nesta edición do Pacto polo Emprego no sur de Lugo, o que supón a porcentaxe de inscripcións (un 34%) máis elevada de toda a provincia.

BATERÍA DE CURSOS NAS FAMILIAS PROFESIONAIS CON MAIOR PERSPECTIVA DE EMPREGO

Monforte de Lemos é unha das tres cidades da provincia de Lugo, xunto coa capital provincial e Viveiro, que acolle o desenvolvemento das accións formativas do Pacto polo Emprego. O programa inclúe 22 cursos para toda a provincia, dos cales puxéronse en marcha xa 19 deles. Tanto en Monforte como en Viveiro e Lugo son as organizacións sociais e empresariais as encargadas de impartir estes cursos, relacionados con 13 temáticas diferentes vinculadas todas elas “coas profesións de maior potencial de desenvolvemento e que mellor están a resistir a crise”, según apuntou o presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, na apertura dos cursos en Viveiro. O programa do Pacto provincial polo Emprego céntrase en ofrecer formación teórica e prática durante catro meses nos chamados “empregos brancos”, vinculados coa atención sociosanitaria e a dependentes, “empregos verdes”, relacionados directamente co medio ambiente e o aproveitamento sostible dos recursos, e os “empregos azuis”, relacionados coas tecnoloxías da información e da comunicación. A elección destas familias profesionais baséase nas perspectivas de empregabilidade que manexan institucións autonómicas e nacionais; así, un informe elaborado polo Ministerio de Traballo en 2011 prevé que os “empregos brancos” xerarán 200.000 empregos ata o 2015 en España. Ademais, os “empregos verdes” medraron un 235% nos últimos dez anos, superando na actualidade os 500.000 postos de traballo a nivel nacional, e as previsións ata o 2020 nos “empregos azuis” falan de 218.000 novos postos de traballo.

OS ALUMNOS DESTACAN A BOA ORGANIZACIÓN, OS MATERIAIS E O EQUIPO DOCENTE

Distribuidos en grupos de 13 alumnos por curso, cinco aulas formativas arrincaron en Monforte a súa actividade entre finais de xullo e principios de agosto. Na nave de Agora, situada no polígono do Reboredo, Ermitas González Castro e o seu grupo de compañeiros e compañeiras iniciaron o curso de Atención Especializada para Enfermos de Alzheimer, cuxas 250 horas de duración serán impartidas por formadores a cargo da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI). “As clases son moi amenas, a verdade, de xeito que a unha semana de comezar o curso estamos a aprender moito sobre o mundo da terceira idade, os seus riscos e os coidados que require”, explica Ermitas González, ao tempo que gaba “a organización e os materiais, moi completos, que nos entregan para o curso”. A “boa actitude e profesionalidade” dos docentes contribúe a xerar, según Ermitas González, “un estupendo ambiente na aula para levar a cabo o curso”.

MATERIAL DIDÁCTICO, DE ESCRITURA, E INCLUSO ROUPA DE TRABALLO SEGÚN A ESPECIALIDADE FORMATIVA «Tanto o horario como os materiais están moi ben», recoñece José Carlos Arrojo Vázquez, que asiste ao curso de Coidador de Discapacitados Físicos e Psíquicos nas aulas da Cruz Vermella de Monforte. «Os contenidos son, máis ou menos, os que esperabamos, aínda que moi asequibles para todos», explica José Carlos Arrojo. Estes materiais foron elaborados específicamente para cada un dos cursos incluidos no Pacto Provincial polo Emprego, e cada alumno recibe tanto os libros de texto como cadernos de exercicios e material de escritura nunha bolsa ou maleta que facilita o seu transporte e posterior uso no entorno formativo. No caso do curso de Instalador de Impermeabilización, cada alumno recibe ademais dos libros e material de escritura, un conxunto de roupa de traballo composto por chaqueta, pantalón e botas, así como un kit de traballo específico desta actividade.

CURSOS TRANSVERSAIS

Como complemento a cada un dos cursos impartidos, os participantes reciben formación transversal en áreas como a sustentabilidade medioambiental, aspectos sociolóxicos da igualdade entre homes e mulleres no eido laboral e familiar, e sesións formativas de iniciación ás TIC.

DESPRAZAMENTO AO CURSO

Á espera de comezar coas clases específicas de Instalador de Impermeabilización, Domingo José Encinas Rodríguez está a recibir cos seus compañeiros as sesións dos cursos transversais. «Están ben, son cousas que quizais xa sabes, pero non están mal», suliña Domingo José Encinas. «A verdade é que penso que tanto aos meus compañeiros coma a min parécenos adecuados os horarios e a organización que imos vendo nos cursos, pero a localización, na nave da APEC en As Lamas, resulta algo complicado», explica Encinas. «Tes que depender dun coche, aquí non podes chegar andando, e iso para os que estamos cobrando unha prestación e, polo tanto, non temos dereito á remuneración que acompaña ao curso, nos resulta un gasto que quizais non compense», sinala Encinas. Os cursos do Pacto polo Emprego inclúen unha remuneración de aproximadamente 400 euros, compatible coa prestación por desemprego ou outras axudas públicas desta mesma finalidade, sempre e cando o conxunto das rendas percibidas non supere o 75% do IPREM.

EMPREGABILIDADE E CALIDADE DE VIDA

En canto ás expectativas dos alumnos sobre o curso, coinciden en sinalar «que sexa efectivo para acadar un emprego», según di José Carlos Arrojo, ou polo menos «que mellore o meu currículo cara un futuro emprego», comenta Encinas. Pola súa parte, MªInés Parra Cañas destaca «os recursos que nos dá esta formación a nivel profesional pero tamén persoal», en referencia ao curso de Coidador de Discapacitados. «Supoño que todos queremos conseguir un emprego, mellorar a nosa vida por suposto, pero valoro tamén o feito de que esta formación que recibimos repercutirá moi positivamente nos nosos pacientes».

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Todo listo para un agosto de festa en Chantada

Seguinte Nova

30 anos de Parlamento Galego

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

   
A %d blogueros les gusta esto: