Monforte enche de música as Patronais

A cantante e música monfortina Rosa Cedrón dará entrada ao programa de actos das Festas Patronais de Monforte de Lemos 2012 coa lectura do pregón o sábado día 11 ás 20,30 horas. O primeiro concerto das festas celebrarase o mesmo sábado ás 23 horas na praza de España, a cargo do Grupo Gramola, que repasará a música dos anos 60 e 70.

CABEZUDOS E VII FESTIVAL DE MAXIA

O domingo 12 de agosto haberá xogos infantís no parque dos Condes, de 11 a 13 horas. Monitores da Cruz Vermella de Monforte atenderán aos grupos de nenos en xogos como hóckey, zancos, malabares, tres en raia ou pratos chineses, entre outros. Pola súa banda, grupos de gaiteiros sairán ás 11,30 horas dende a praza de España, e xuntaranse sobre a unha da tarde cos Cabezudos na rúa Cardenal, mentres a charanga Unión Monfortina ameniza ás rúas ata o mediodía. Xa pola tarde, a Casa da Cultura acollerá ás 19 horas unha sesión de maxia infantil pola Compañía Ludus, e ás 23 horas comezará na praza de España o VII Festival de Maxia de Monforte. A xornada rematará coa verbena a cargo da orquestra Poceiro dende as 23 horas.

FESTA-BAILE PARA OS MAIORES NA PRAZA DE ESPAÑA

O luns 13 de agosto abrirase tamén con outra sesión de xogos infantís no parque dos Condes ás 11 horas, e media hora máis tarde grupos de gaiteiros sairán da praza de España. Pola tarde, o grupo Teatro Monart representará para os máis cativos a obra “Kasi Circo”, espectáculo apto para todas as idades onde o público interacciona cos actores de xeito inesperado e divertido. Pola súa banda, os maiores terán o seu momento na festa-baile que se celebrará na praza de España ás 21 horas, a cargo do dúo musical Bandoneón, e se servirá bebida aos asistentes por parte do Concello. A verbena desta xornada estará a cargo da orquestra Os Trovadores.

XINCANA DAS ENERXÍAS RENOVABLES, E CONCERTO DE MÚSICA TRADICIONAL

O martes 14 de agosto comezará cos habituais xogos infantís no parque dos Condes, a presenza nas rúas de grupos de gaiteiros, e a Banda de Música do Concello de Monforte realizará un pasarrúas a partir das 12 horas. Xa pola tarde, ás 20 horas comezará unha xincana das enerxías renovables e do cooperativismo na praza de España, onde nenos de 4 a12 anos disfrutarán de divertidos xogos relacionados co uso das enerxías sustentables e o cooperativismo, con entrega de premios para os participantes ao final da proba. O resto da tarde estará protagonizado pola música, cun concerto ás 23 horas na praza de España da Banda de Música de Ortigueira, a verbena coa orquestra Trébol, e a actuación ás 00,30 horas do grupo de música tradicional Quempallou, patrocinado pola Vicepresidencia primeira da Deputación de Lugo.

DÍA GRANDE

O día 15 celebrará a tradicional homenaxe á Virxe de Montserrat a partir das 10 horas, coa misa e ofrenda floral en San Vicente do Pino. No centro urbano haberá alboradas a cargo de oito grupos de gaiteiros, cunha concentración de grupos tradicionais ás 13 horas para dar a coñecer as súas músicas aos transeúntes. Con esta actividade Monforte celebra o Día do Gaiteiro, para amosar e dignificar a riqueza cultural galega a través das súas diferentes expresións musicais, coa participación de cuartetos e quintetos de gaiteiros, cantos de cego e grupos de percusión populares. Xa pola tarde, ás 20,30 horas terá lugar a Mostra de Danza e Música tradicional, e ás 23 horas terá lugar o espectáculo “Titiricleta, títeres en bicicleta” a cargo de Anxo Moure. A orquestra Israel amenizará a verbena do día 15, mentres ás 23,30 horas comezará dende o Malecón un percorrido de Barcas Engalanadas polo Cabe. Á medianoite terá lugar a sesión de fogos de artificio dende o monte de San Vicente. Ao remate, Rosa Cedrón pechará o día grande cun concerto na praza da Compañía.

MAXIA E MÚSICA PARA DESPEDIR AS FESTAS

O xoves 16 iniciarase cun concurso de Pintura no chan na rúa Cardenal, entre as 11 e as 13 horas, mentres grupos de gaiteiros interpretan alboradas e xuntaranse cos Cabezudos ás 13 horas na rúa Cardenal. Pola tarde, celebraranse neste mesmo lugar tres obradoiros de cultura urbana a partir das 19 horas, que incluirán graffiti, turntablism e breakdance. Ás 20 horas terá lugar un espectáculo de maxia na praza de España a cargo do Mago Tonino. Ás 23 horas, a Banda de Música de Monforte ofrecerá un concerto na praza de España, e a orquestra Los Player’s porá fin ás festas.

OUTRAS ACTIVIDADES

Agosto acollerá tamén a Feira de Mostras do 15 ao 19, o Jazz por Barrios do 21 ao 25, a Feira do Libro de Monforte do 22 ao 25, o XIII Festival de Habaneras o sábado 25,e a Festa da Empanada o domingo 26. Setembro abrirá coa XIII Xornada Europea da Cultura Xudea, e o Encontro UIMP do 12 ao 14 sobre o VII Conde de Lemos.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Música e sabor tradicional na XVII edición da Feira da Rosca de Sober

Seguinte Nova

Todo listo para un agosto de festa en Chantada

Últimas noticias sobre CULTURA

A %d blogueros les gusta esto: