Actuacións de preto de 100.000 euros para mellorar a rede viaria municipal de Pantón

O alcalde de Pantón, José Luis Álvarez Blanco, firma o convenio en presenza do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández. GCMATI.

A finais de agosto o alcalde de Pantón, José Luis Álvarez Blanco, firmou en Santiago o convenio de colaboración coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para a mellora da seguridade nun total de seis viais de titularidade municipal.

VIAIS QUE PRECISAN ESTAS MELLORAS

Segundo explicaron o conselleiro Agustín Hernández e o alcalde de Pantón, a actuación acordada suporá un investimento de 94.479 euros que serán aportados pola Axencia Galega de Infraestruturas, e que terá por obxecto a mellora do estado do firme e a rede de saneamento do paseo da Deputación de Lugo, a travesía Casa Sindical, a travesía ata o Xuncal, a travesía no Campo da Feira, a rúa W. Carballada e a prolongación da estrada de Ourense.

SEGURIDADE NO TRANSPORTE E DESENVOLVEMENTO “HARMÓNICO” DA REDE VIARIA

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas lembrou que esta actuación en Pantón forma parte dos cometidos da Axencia Galega de Infraestruturas, para mellorar a rede viaria de Galicia, de xeito que se proporcione aos usuarios da rede unhas condicións de condución cómodas e seguras, mellorando os déficits na seguridade viaria e facilitando o acceso aos distintos equipamentos na procura e no fomento dun desenvolvemento harmónico.

AXUDA AO CONCELLO

Este convenio, ademais de levar a efecto os obxectivos da Axencia Galega de Infraestruturas, satisfará a necesidade do Concello de Pantón de afrontar unha mellora na seguridade viaria, consistente no acondicionamento e reparación de diversos viarios de titularidade municipal que se atopan en mal estado de conservación. En virtude deste convenio, a Xunta de Galicia será a encargada de adxudicar, executar e financiar as obras segundo o proxecto; mentres que o Concello de Pantón pon a disposición da Axencia Galega de Infraestruturas os terreos necesarios libres de cargas e gravames e co réxime urbanístico axeitado, e tamén realizará as xestións pertinentes para a obtención dos permisos, licencias e autorizacións regulamentarias. O convenio especifica que será de responsabilidade da Administración local asumir, unha vez rematadas as obras, a explotación, mantemento e conservación das mesmas.

ELIMINACIÓN DE FOSAS SÉPTICAS

Por outra banda, a Consellería de Medio Ambiente licitou en agosto a obra de saneamento no núcleo de Santa María de Toiriz, en Pantón, por un importe de 470.000 euros. Segundo explicaron os resposnables desta iniciativa, o proxecto mellorará considerablemente a calidade ambiental da zona ao eliminar as fosas sépticas, que supoñen importantes focos contaminantes. Esta actuación, co cargo aos orzamentos de Augas de Galicia, está inmcluida dentro do convenio entre a Administración xeral do Estado e a Comunidade Autónoma de Galicia para a execución, seguimento e avaliación das accións incluídas nos plans de zonas rurais para a construción de infraestruturas en concellos que teñen un orzamento insuficiente para financialas. O proxecto establece a creación dunha rede separativa de saneamento que xuntará a totalidade das augas do núcleo e as conducirá ata a parcela onde se executará unha estación depuradora de augas residuais.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Os viños da Ribeira Sacra, premiados en Euskadi e Aosta

Seguinte Nova

1,4 millóns de euros para apoiar a inserción laboral de persoas con discapacidade

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: