Monforte estreou o novo espazo expositivo da Praza de Abastos

O recén inaugurado espazo expositivo da Praza de Abastos ofrece unha imaxe moderna que, baixo a marca Mercados de Monforte, trata de contribuir á dinamización social e económica da vila, e á posta en valor dos produtos elaborados e comercializados na nosa terra. EC.

O novo espazo expositivo da Praza de Abastos de Monforte deu os seus primeiros pasos este verán. Aproveitando a maior afluencia de visitantes que agosto aporta á vila do Cabe, celebrouse a mediados de mes o Mercado de produtos con Denominación de Orixe de Lugo, a primeira das citas que baixo a marca Mercados de Monforte busca dinamizar este entorno comercial en consonancia coas novas tendencias de aproveitamento dos espazos urbáns, e poñer en valor os produtos autóctonos. Queixos de catro denominacións de orixe, tres adegas da Ribeira Sacra, e tres produtores de augardente, mel e castaña das Indicacións Xeográficas Protexidas de Galicia producidas na nosa provincia, así como dous comercializadores locais de produtos ecolóxicos participaron neste primeiro Mercado, organizado polo Concello de Monforte e patrocinado pola Área de Turismo da Deputación de Lugo.

A segunda cita cos Mercados de Monforte, adicada ao pan, empanadas e doces, congregou unha importante afluencia de público dentro do espazo expositivo da Praza de Abastos . EC.

“IMPLICACIÓN DO SECTOR COMERCIAL E DA CIDADANÍA”

Este evento supuxo a inauguración do espazo expositivo da Praza de Abastos de Monforte, e o alcalde Severino Rodríguez, acompañado pola concelleira de Promoción Económica, Mª Xosé Vega, e a concelleira de Cultura, Pilar López, agradeceu a presencia dos expositores, e animou á cidadanía e ao sector comercial “para que se impliquen e así poder obter o maior rendemento deste espazo expositivo”. Asimesmo, o alcalde comentou con satisfacción as boas impresións que tiveron os expositores participantes no primeiro dos Mercados de Monforte.

Considerable movemento no entorno da Praza de Abastos con motivo da celebración do segundo dos Mercados de Monforte. EC.

PRÓXIMAS CITAS COS PRODUTOS DA NOSA ZONA

O segundo dos Mercados de Monforte, adicado ao pan, empanadas e doces en canto produtos emblemáticos da capital da Ribeira Sacra, acadou unha importante afluencia de público, que se concretou nun bo nivel de vendas para os sete establecementos expositores, cunha porcentaxe de entre un 40% e un 90% máis de venda que no seu establecemento habitual. Dado o éxito destas convocatorias, dende o Concello pretenden realizar periódicamente este tipo de Mercados, para o que invitan á participación a comerciantes e promotores interesados en expoñer os seus produtos ou organizar eventos neste espazo, a través da Concellería de Promoción Económica. As vindeiras citas no espazo expositivo da Praza de Abastos estrán adicadas aos nosos queixos, os produtos do outono, a artesanía, os produtos gastronómicos do Nadal e agroecolóxicos.

CRÍTICAS AO NOVO CONCEPTO DA PRAZA

Houbo voces críticas coa nova disposición dos espazos e usos da renovada Praza de Abastos monfortina. Así, o grupo municipal do Partido Popular mantén o seu “desacordo cun proxecto de reforma integral que, aínda que sirve para renovar e modernizar o inmoble, estímase inadecuado para a dinamización e desenvolvemento comercial presente e futuro das instalacións da praza”. A portavoz municipal do PP, Julia Rodríguez, presentará unha moción no Pleno neste sentido, e argumenta que “os placeiros consideran que a primeira experiencia dos mercados temáticos non parece ter repercutido na súa actividade comercial”. Por outra banda, Rodríguez tamén propuxo o replanteamento da ubicación dos bolardos do entorno da Praza, e alertou do “ataque” que suporía “un incremento” da taxa anual que abonan os titulares dos postos. Rodríguez enumerou asimesmo os “principais problemas da Praza”, como a “deficiente remodelación que causa malos olores, a desaparición dos postos de verdura e produtos da zona, e a existencia de postos pechados”.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Os veciños de Bóveda, concienciados coa importancia da reciclaxe

Seguinte Nova

A IV Feira de Artesanía e Etnografía de O Incio homenaxeou á canteiría tradicional

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: