O Concello acondicionará o Parque Zapardiel e o seu entorno arqueolóxico a través dun obradoiro de emprego

Os traballos do obradoiro que o Concello solicitará á Xunta poñerán en valor a zona dos restos castrexos próxima ao entorno de San Vicente, e tamén se continuará co enlousado da rúa Santa Clara

O obradoiro de emprego acondicionará o espazo do Parque Zapardiel para facer visitables os restos castrexos, orixe do núcleo habitado de Monforte. EC.

A concelleira de Promoción Económica de Monforte, Mª Xosé Vega, presentou o proxecto do obradoiro de emprego que o Concello solicitará á Xunta de Galicia, orientado a actuacións relacionadas co patrimonio histórico e natural, según se especifica na nova orde de concesión de obradoiros. Según explicou a responsable municipal, acompañada polo arquitecto Javier López Ramudo, o obradoiro solicitado centrará a súa actividade na recuperación do Parque Zapardiel incluindo o espazo arqueolóxico formado polos restos castrexos alí atopados, así como na continuación do enlousado da rúa Santa Clara.

As actuacións previstas dentro do obradoiro de emprego inclúen a continuación do enlousado da rúa Santa Clara, no casco histórico de Monforte. EC.

OBRADOIRO INTEGRADO POR TRES MÓDULOS

Vega explicou que a duración do obradoiro deberá limitarse a seis meses, según especifica a nova orde de concesión destas programacións. Para o desenvolvemento destes traballos, o obradoiro integrará un módulo de colocación de pedra natural, con dez alumnos, outro de instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes, con oito alumnos, e un terceiro módulo de instalación de elementos de carpintería, con 10 alumnos.

A concelleira de Promoción Económica Mª Xosé Vega suliñou que esta actuación fará “visitables” os restos castrexos nos que, según os últimos traballos arqueolóxicos, estivo a orixe da vila de Monforte. EC

GRAN VALOR HISTÓRICO

A recuperación do Parque Zapardiel culmina unha serie de traballos de acondicionamento e mellora que foran suspendidos, fundamentalmente, pola aparición dun xacemento con restos castrexos do que se determinou como orixe do primeiro núcleo de poboación de Monforte. A paralización no seu día dos traballos no Parque garantiu a conservación dos restos arqueolóxicos, que a partir das próximas actuacións integraranse, debidamente protexidos, nun espazo de visita cultural e de ocio, para dar a coñecer a vecinos e visitantes este “espazo de valor sen precedentes para a divulgación do conxunto histórico da cidade de Monforte de Lemos”, explicou Mª Xosé Vega.

MIRADOIRO, ZONAS DE DESCANSO E PANEIS INFORMATIVOS SOBRE ARQUEOLOXÍA E NATUREZA

Según explicou o arquitecto Javier López Ramudo, o proxecto de acondicionamento do Parque Zapardiel manterase vivo durante a súa execución, “sempre pendentes da opinión do arqueólogo e dos posibles restos castrexos que poideran aparecer”, e disporá a construcción de pasarelas de madeira arredor destes restos pra que poidan ser inspeccionados polos visitantes sen dano para a súa conservación. López Ramudo detallou ademais que este proxecto incluiría a construción dun miradoiro en madeira, na parte alta do monte, e varias zonas de descanso, así como paneis informativos sobre os restos arqueolóxicos e sobre a riqueza natural do parque.

CIRCUITOS EN TORNO AO ESPAZO ARQUEOLÓXICO, “PEDRA ANGULAR” NA RECUPERACIÓN DESTE PARQUE

López Ramudo explicou que os traballos de xardinería proxectados no Parque Zapardiel “devolverán o esplendor” a este entorno, agora invadido pola vexetación dada a paralización das actuacións anteriores pola prioridade dos estudos arqueolóxicos. No entorno destes restos castrexos recuperaranse ademais camiños secundarios, en lousa ou en madeira, para deseñar circuitos en torno ao espazo arqueolóxico, “pedra angular” do desenvolvemento deste proxecto de recuperación do Parque Zapardiel. Neste sentido, a concelleira Mª Xosé Vega insistiu en que o parque, co seu núcleo arqueolóxico, “debe ser un referente para a cidadanía e para as persoas que nos visiten”.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Música para reactivar Monforte dende a iniciativa xuvenil

Seguinte Nova

O IPC mensual de agosto rexistrou en Lugo un incremento de dúas décimas máis que no resto das provincias galegas

Últimas noticias sobre CULTURA

     
A %d blogueros les gusta esto: