Priorización dos servizos públicos e da promoción económica nos orzamentos de Monforte

O equipo de goberno do Concello de Monforte presentou os orzamentos para o 2012, cun importe total de 11.448.211 euros, o que supón, según explicaron os responsables municipais, unha diminución do 2,66% con respecto ao exercicio anterior. O alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, e a concelleira de Promoción Económica, Mª Xosé Vega, explicaron que esta diminución se debe a “unha redución importante das aportacións da Xunta de Galicia e do Goberno do Estado”.

Psoe e Bng achegaron posicións na maioría dos puntos do proxecto de orzamentos do Concello de Monforte para este ano. EC.

MANTEMENTO DE SERVIZOS E EMPREGOS

O rexedor local destacou que estes orzamentos foron elaborados nunha situación “de crise extrema”, onde “hai menos recursos e máis peticións de axuda, o que incrementa as dificultades para prestar servizos”. Aínda así, o mandatario local suliñou que con estes orzamentos “mantemos tódolos servizos e garantimos a totalidade dos postos de traballo existentes a día de hoxe”. En canto ao eido social, Rodríguez explicou que o Concello amplía o apoio “ás persoas máis necesitadas, asinando convenios con Cáritas e o Fogar San Xosé e incrementando o gasto en servizos sociais”, distanciándose da política “de recorte de dereitos e servizos básicos”, facendo un “esforzo na xestión e un maior control do gasto”. Así, o orzamento reduce o gasto corriente en 311.000 euros, tal como figuraba no Plan de Axuste aprobado por Madrid, mediante o aforro enerxético e a amortización de oito prazas que non estaban cubertas.

O alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, suliñou que con estes orzamentos “mantemos tódolos servizos e garantimos a totalidade dos postos de traballo existentes a día de hoxe". Arquivo EC.

MONFORTE, CENTRO DE NEGOCIOS

Pola súa parte, Mª Xosé Vega suliñou que os servizos sociais reciben a segunda aportación máis importante dos orzamentos con 1.225.000 euros, seguido de promoción económica con 575.000 euros. O alcalde destacou que “a promoción está centrada no comercio e o turismo, e na cidade como centro de negocios co incentivo á creación de emprego con axudas para empresas que se instalen no polígono, e coa posta en marcha dun obradoiro de emprego.” O alcalde tamén destacou a eficacia e responsabilidade do Concello nos pagos a provedores.

APOIO DA DEPUTACIÓN

Asimesmo, Mª Xosé Vega destacou que a cifra final do orzamento sufrirá variacións porque “a Deputación de Lugo ten comprometido financiamento que aínda non está documentado e que, polo tanto, non pode aparecer no orzamento”. Vega destacou o apoio económico do organismo provincial, en contraste coa redución nas aportacións da Xunta e do Estado. A concelleira de Facenda salientou que a subida do IBI suporá unha recadación de 500.000 euros máis que no pasado exercicio, e aclarou que este incremento débese a unha decisión do Goberno do Estado. Vega explicou tamén que os impostos municipais supoñen un incremento de 196.000 euros debido, na maior parte dos casos, ó incremento do IPC. Sobre a cuestión da paga extra dos traballadores municipais, Vega Buján indicou que está recollida esta contía no orzamento “porque o Concello ten a obriga de reter ese diñeiro á espera de que o Estado diga o que se fai con el”. Vega indicou que “a totalidade dos secretarios municipais consultados afirman que non se poderá pagar a extra de decembro e que tampouco se pode buscar un mecanismo compensatorio”.

CRÍTICA DO PP

Pola súa parte, a voceira do grupo municipal do PP, Julia Rodríguez, criticou que os orzamentos están “lastrados” por un elevado gasto corrente “derivado de servizos como o da recollida de lixo ou o de recadación”, e lembrou que “as únicas administracións que están facendo inversións importantes en Monforte son a Xunta e o Estado”.

PSOE E BNG ACHEGAN POSICIÓNS

Por outra banda, o voceiro socialista no Concello, José Tomé, enviou unha carta aberta ao Alcalde de Monforte con dez propostas para “mellorar sustancialmente” o proxecto de orzamento que lles foi presentado. Así, insisten en garantir as axudas ás persoas maiores no domicilio, activar unha partida de investimento en parroquias e pór en marcha obras como os saneamentos de Gullade, A Vide ou Seoane, e activar o emprego co impulso do polígono do Reboredo. Dende o equipo de goberno, sinalaron a coincidencia de moitas destas propostas coas liñas marcadas no proxecto de presupostos, o que facilitaría a aprobación destes orzamentos. Principalmente, os puntos en común refírense aos servizos sociais, promoción económica, investimentos en parroquias e optimización dos recursos.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Arrinca en Sober a 5ª tempada do programa provincial Km0

Seguinte Nova

Música para reactivar Monforte dende a iniciativa xuvenil

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: