Haberá tres ciclos de inglés, e as clases impartiranse nas aulas do IES Gregorio Fernández
Dende o 1 de setembro entrou en funcionamento a nova sección da Escola Oficial de Idiomas de Lugo en Sarria, que permitirá a 90 alumnos mellorar as competencias lingüísticas en inglés durante o curso 2012-2013. Esta modalidade educativa impartirase nas dependencias do IES Gregorio Fernández.
CICLOS FORMATIVOS E PRAZOS DE INSCRIPCIÓN
Deste xeito, en Sarria impartirase un ciclo de inglés de nivel básico e dous ciclos de nivel intermedio do mesmo idioma. Según informaron os responsables da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, os interesados nesta nova oferta formativa en Sarria deberán formalizar a preinscripción entre o 1 e o 15 de setembro a través da web www.eoidigital.com/preinsxunta. O listado de adxudicación das prazas poderase comprobar a partir do 18 de setembro ás 23.00 horas na web. Os admitidos deberán matricularse entre o 19 e 26 de setembro.
FACILITAR A APRENDIZAXE DE IDIOMAS AOS RESIDENTES FÓRA DAS CIDADES
Segundo informaron dende a Consellería de Educación, esta nova sección da Escola de Idiomas de Lugo en Sarria, así como a de Burela, foron creadas na provincia ao abeiro do Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras, que ten nas escolas de idiomas un dos seus piares fundamentais, polo seu papel como centros para a cualificación e certificación tanto dos docentes, como do resto da cidadanía. Os obxectivos desta estratexia buscan facilitar o acceso ao plurilingüismo ás persoas que non residen nas cidades, e avanzar na igualdade de oportunidades respecto ás ensinanzas de linguas estranxeiras que se ofertan nas Escolas Oficiais de Idiomas.