Un percorrido polo patrimonio arquitectónico de Galicia a través da música é o eixo sobre o que se enceitan as diferentes actuacións musicais que compoñen o programa Espazos Sonoros, que na presente edición ven de escoller a paisaxe arquitectónica da rectoral de Gundivós para celebrar o seu concerto inaugural.
CONCERTO CON INSTRUMENTO ORIXINAL DO SÉCULO XVIII
O sábado 8 de setembro, a viologambista Sara Ruiz, de formación internacional, interpretou un repertorio que, baixo o título “A viaxe de Maugars”, recolle música francesa e inglesa para viola de gamba soa dos séculos XVII e XVIII. É de destacar que no concerto de Sober, a intérprete Sara Ruiz empregou unha viola de gamba orixinal de autor descoñecido e que pertence á escola de construtores austríaca de comezos do século XVIII.
FORMACIÓNS E SOLISTAS GALEGOS E INTERNACIONAIS
Entre setembro e outubro, un total de 14 localidades galegas acollerán eventos musicais e tamén actividades complementarias para achegar a música a todos os públicos. Según explicaron na presentación do programa Espazos Sonoros 2012 o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e a responsable do programa, Belén Bermejo, esta edición aposta “pola variedade, polo rigor e pola calidade nas propostas musicais”, ofrecendo concertos de música para órgano, música antiga e de cámara en aberto diálogo con outros tipos de músicas e disciplinas artísticas. Así, o ciclo inclúe algunhas das mellores formacións e solistas que veñen desenvolvendo o seu traballo en Galicia, xunto con artistas procedentes de diversas partes de Europa.
PERCORRIDOS POLO ROMÁNICO, A RUTA ORGANÍSTICA DA MARIÑA OU O PARQUE RUPESTRE DE CAMPO LAMEIRO
Este festival inclúe unha programación específica para música en familia, co espectáculo PercuDitas, o 22 de setembro no Parque da Arte Rupestre de Campo Lameiro. Tamén haberá percorridos guiados pola contorna dalgúns dos monumentos sede destes concertos, como a igrexa de Santa María de Cambre, o 16 de setembro, ou a rolda pola paisaxe organística da Mariña lucense, o 15 de setembro, que percorrerá as vilas de Viveiro, Mondoñedo e Lourenzá para concluír cun concerto de zanfona e órgano, a cargo de Iván Abal e Marisol Mendive, na vila de Ribadeo. Ademais, o 22 de setembro prevese unha xornada de lecer familiar no Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, cunha visita guiada por este centro, e unha exhibición e práctica de técnicas de caza prehistórica, lanzamento de xavelinas con propulsor e tiro con arco tradicional.