Os responsables do Consellor Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra fixaron o 26 de setembro como data recomendada para o inicio da campaña da vendima. Según os técnicos, a análise dos controis de maduración suxería retrasar a colleita dez días con respecto ao ano anterior. Así, aínda que a climatoloxía atrasou as previsións de traballo, garantiu unhas boas condicións sanitarias na uva.
CASE CEN ADEGAS
Según explicaron os responsables da Denominación, serán 98 as adegas que elaborarán viño ao amparo desta entidade, e baixo a supervisión de 16 veedores que se sumarán aos técnicos propios do Consello Regulador e a súa directora técnica. A pesares deste anuncio, dende o Consello Regulador explicaron que nalgúns puntos da subzona de Amandi xa se iniciou a vendima, previa solicitude dos permisos puntuais.
ESTABILIDADE NO PREZO DA UVA PREFERENTE
En canto aos produtores, as sete adegas de maior producción da Denominación de Orixe Ribeira Sacra acordaron manter o prezo da uva da anterior campaña para as variedades preferentes que se atopen en bo estado sanitario e cun mínimo de 12,5º. Para as variedades autorizadas, cada adega establecerá acordos cos provedores. Según explicaron dende o Consello Regulador, dependendo da calidade da uva, o prezo para as variedades autorizadas rondará a metade do prezo das preferentes. Dende o Consello Regulador suliñaron que este acordo “manifesta o apoio á viticultura de calidade”, ao tempo que se lanza “unha mensaxe de estabilidade na Denominación de Orixe Ribeira Sacra neste momento de crise”.
PREMIOS DISTINGUIDOS GALLAECIA
Por outra banda, a sede do Consello Regulador acolleu a entrega das Distincións Gallaecia aos viños da Denominación Ribeira Sacra que obtiveron este galardón. O concurso, recoñecido polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medioambiente, ten como obxectivo promover a posta en valor e impulsar os viños das Denominacións de Orixe galegas. Os representantes de Gallaecia destacaron a “calidade” dos viños da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, e o esforzo que supuxo para viticultores e adegueiros acadar os tintos que hoxe se elaboran” na nosa Denominación. Amosáronse “sorprendidos” polas elaboracións acadadas nos brancos nestes últimos anos, en especial neste ano. Para concretar as Distincións Gallaecia un amplo panel de catadores desenvolve unha primeira cata en cada Consello Regulador, onde se realiza unha primeira selección e, a continuación, pasan á cata final para a que se utilizan viños que están no mercado. Todo o procedemento de catas que levan a cabo recibiu os eloxios do Presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez, quen asegurou que o concurso de Gallaecia era “o referente máis importante de Galicia á hora e falar de viño”. Nesta XII edición dos Distinguidos Gallaecia foron premiados na D.O. Ribeira Sacra, na categoría de brancos, As Glorias 2011 (Adegas Amedo), Condado de Sequeiras 2011 (Grupo Peago), Viña Garoña 2011 (Adegas Viña Garoña), Peza Do Rei 2011 (Adegas Cachín), Sollío 2011 (Victorino Álvarez Rodríguez). Na categoría de tintos, os premiados foron 12 Adega Vella 2010 (Jorge Feijoo González), Baluce 2010 (Jorge Feijoo González), Cardenal Rodrigo de Castro 2011(Bodegas Soutelo), Décima 2009 (José Manuel Rodríguez González), Finca Cuarta 2011 (Bodegas Santa Mª de Nogueira), Fiume 2011 (Roberto Regal López), Peza do Rei 2009 (Adegas Cachín), Regina Expresión 2009 (Bodegas Regina Viarum), Saíñas Barrica 2010 (Javier Fernández González), San Mamed 2011 (Rosa Mª Pumar Rodríguez), Viña Cichón 2011 (Domingo López Fernández).