Bóveda acollerá nos vindeiros días diversas actividades formativas destinadas ao público en xeral, e de xeito específico á xuventude. Por unha banda, a natureza será a protagonista da exposición Galicia Biodiversidade, que estará instalada na Casa da Cultura de Bóveda do 24 ao 28 de setembro. Durante estes días, realizaranse diversos obradoiros e visitas guiadas, nas que poderán participar colectivos veciñais, asociacións de todo tipo, e grupos escolares, previa inscripción chamando aos números 982 426 006 e 982 426 177.
XOGOS PARA APRENDER A PROTEXER A BIODIVERSIDADE DE GALICIA
A exposición conta con paneis nos que se pasa revista aos diversos ecosistemas presentes en Galicia, nos que viven preto de 20.000 especies animais e vexetais, así como un audiovisual sobre a biodiversidade natural na nosa Comunidade. O evento inclúe tamén visitas guiadas e xogos para que os participantes descubran o papel que cada un de nós pode desempeñar na conservación desta biodiversidade, e na protección do medio ambiente.
CÓMO CONSTITUIR UNHA ASOCIACIÓN XUVENIL
Por outra banda, o sábado 29 de setembro a partir das 17 horas desenvolverase un curso sobre Mediación Xuvenil para a Participación, destinado a mozos e mozas menores de 30 anos, animadores xuvenís, concelleiros de xuventude, asociacións, grupos informais e calquer colectivo interesado no eido da xuventude. Os obxectivos deste curso, integrado no programa Activa, céntranse en formar aos participantes sobre como constituir unha asociación xuvenil, e os aspectos relativos á súa tramitación e financiamento, regulamento e funcionamento interno e rexistro oficial, así como a función e importancia das asociacións xuvenís no conxunto da sociedade.
Actividades para todos
Ata o 5 de outubro está aberto o prazo para matricularse nas actividades infantís e para adultos que organiza o Concello de Bóveda. Para os cativos, na biblioteca haberá actividades de animación á lectura, de reforzo escolar (deberes e técnicas de estudo), de lectura, xogos cos libros, teatro e de coñecemento e cuidado da nosa biblioteca. Na ludoteca, desenvolveranse xogos, manualidades e todo tipo de actividades lúdicas e divertidas sobre diferentes temas: samaín, nadal, entroido, letras galegas, primaveira, etc.
MÚSICA E DEPORTE PARA OS CATIVOS
En música, este ano organizarase por grupos de idade diferente cada día e sesións máis amplas cun descanso no medio, para que se poida impartir solfeo, instrumento, canto e xogos coa música. Haberá tamén danza galega, e unha oferta deportiva que abrangue ximnasia, fútbol, baloncesto, bádmington, ténis, ping-pong, e xogos pre-deportivos, entre outros. Para máis información sobre horarios e grupos, poden chamar ao teléfono 982 42 61 77 ou directamente na Casa da Cultura de Bóveda.
ACTIVIDADES PARA ADULTOS, MOCIDADE E MAIORES
Para a mocidade, adultos e maiores, haberá sesións de instrumentos tradicionais galegos (pandeireta, gaita, percusión, e flauta), os xoves de 18:00 a 19:00 horas. As sesións da Banda de Gaitas será os sábados de 16:00 a 19:00 horas. Os grupos de ximnasia de mantemento desenvolveranse en Bóveda (no Pavillón ou no Salón de Actos) os luns de 19:05 a 20:05 horas, e en Rubián (na nave da Feira) os luns de 16:15 a 17:15 horas. As sesións de Zumba serán os mércores de 20:00 a 21:00 horas, as de Pintura os martes de 17:30 a 18:30 horas, e o Obradoiro de Memoria desenvolverase en Bóveda (na Biblioteca) os luns de 18:00 a 19:00 horas, e en Rubián (na Oficina do Campo da Feira), os venres de 11:30 a 12:30 horas. Todas as actividades comezarán en outubro, excepto Zumba, Pintura e Memoria, que comezarán en novembro.